CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A Liga San Miguel de Traíñas e a final da Copa Galicia de fútbol feminino, na tvG2 esta fin de semana

02/07/2011

Hoxe ofrecerase a Bandeira de Camargo e mañá a de Bilbao, co debut das embarcacións da Liga Euskotren

Este sábado a segunda canle recupera o histórico partido Deportivo-Celta de promoción de ascenso a Primeira División en 1987

Santiago, 02.07.2011.- A Liga San Miguel de Traíñas regresa esta fin de semana á tvG2, que ofrecerá en directo dúas regatas puntuables, a de Camargo e a de Bilbao, onde as embarcacións favoritas buscarán a primeira bandeira da tempada dunha competición que durante este verán ocupará un lugar destacado nas transmisións deportivas da canle autonómica.

A segunda canle da Galega transmitirá hoxe a partir das 18.30 h a XXI Bandeira de Camargo, a primeira proba puntuable despois da suspensión da de Burdeos hai dúas semanas. As traíñas participantes na Liga San Miguel, entre as que se atopa a galega Tirán, medirán as súas forzas en augas cántabras, en Punta de Parayas. A proba ten un percorrido de 5,5 kilómetros e desenvolverase en tres tandas de catro embarcacións.

Previamente, ás 18.00 h, dará comezo a Liga Euskotren, a competición feminina, coa participación da embarcación galega Rías Baixas Rianxeira no grupo A, xunto a Orio e Zumaia. As tripulacións medirán hoxe as súas forzas e intentarán facerse coa Bandeira de Camargo.

Xa o domingo, as cámaras da Televisión de Galicia desprazaranse a Bilbao, onde se disputarán as probas feminina e masculina. Ás 12.00 h dará comezo a segunda regata da Liga Euskotren, onde competirán as embarcacións do Grupo B. A continuación, ás 12.30 h, ofrecerase en directo a proba correspondente á Liga San Miguel, a III Bandeira de Bilbao, unha contrarreloxio que se disputará en augas do Nervión.

A outra gran cita deportiva dos espectadores da tvG2 na xornada dominical será a final da Copa Galicia de fútbol feminino, que enfrontará ao Victoria coruñés e ao Sárdoma vigués no campo do Vao, en Coruxo. O partido, que se transmitirá en directo a partir das 18.00 h, é o máis importante da temporada para ambas as dúas formacións. Este encontro tamén poderá seguirse en directo a través da páxina web da CRTVG, no enderezo www.crtvg.es/deportes.

Por outra parte, ás 20.00 h de hoxe, no espazo dedicado ao fúbol histórico, emitirase o famoso encontro Deportivo-Celta da promoción de ascenso a Primeira División xogado en Riazor no ano 1987.