CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A Galega ofrece a pasarela PONTUS VETERIS coas propostas en moda para o outono-inverno 2011/2012

18/05/2011

Presentan as súas novas coleccións, as firmas Florentino, Araújo, Vidrio, Olga Santoni e Miguel de Luna

A Galega ofrece a pasarela PONTUS VETERIS coas propostas en moda para o outono-inverno 2011/2012

Santiago, 18.05.2011.- Cunha estética neorrenacentista hoxe poderá verse  pola TVG, ás 01.15 horas, e na tvG2 (23.00h), o certame de moda galego PONTUS VETERIS, presentado por Mon Santiso. Desde o recinto feiral de Pontevedra, daranse cita as firmas Florentino, Araújo, Vidrio, Olga Santoni e Miguel de Luna para presentar as coleccións outono e inverno 2011 e 2012.

A posta en escena do desfile, polo que pasarán unhas coleccións máis rechamantes ca nunca, é unha decidida aposta pola condición universal do ser humano, “para non perder a esperanza en nós mesmos e lembrar que ao final, detrás de todo o que se fai, hai un ser humano que o empurra”, explica Manuel Fernández, o responsable do desfile. Imaxes de multitudes, contrapostas cos aspectos máis íntimos e individuais das persoas, lucirán en grandes pantallas para acoller o paso das cinco coleccións.

O certame galego, considerado o cuarto en importancia de España, estará presidido por un anxo cibernético, que representa a fantasía, para dar paso ás distintas coleccións; así, desfilarán as propostas para home do deseñador galego Florentino, capaz de xerar tendencias cheas de contrastes e alternativas; Vidrio, por Trinidad Vidueira, con deseños de marcada inspiración barroca que derivan en “neo – hippie” e “chic urbana”; a homenaxe de Araújo Piel ao glamuroso mundo de Hollywood, nos seus días de branco e negro, e ás estrelas que triunfaban nos anos 80, cun deseño ultra feminino barroco – vintage; as propostas de Olga Santoni en branco e negro, a apoteoses da cor vermella, a cor topo e o serpentil – jackard semellando pel de serpente; e finalmente Miguel de Luna, que presenta un sport wear, con looks folk, militar, muller minimalista e tendencia “ballet”.