CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A elección de miss Ardebullo e un calendario con Mucha e Nucha como protagonistas, en "A Casa da Conexa"

05/06/2014

O grupo Heredeiros da Crus presentará amais o seu novo traballo nesta particular vila (22.50 horas)

A elección de miss Ardebullo e un calendario con Mucha e Nucha como protagonistas, en "A Casa da Conexa"

Santiago, 05.06.2014.- Esta noite en “A Casa da Conexa” (22.50 horas) o mundo da moda chega a Ardebullo e ás vidas das súas protagonistas, Mucha e Nucha. Con moito humor, as irmás máis famosas da Televisión de Galicia achegaranlles aos espectadores as últimas tendencias da moda acabadas de chegar das pasarelas a Ardebullo, non sen antes de desvelar algúns segredos de beleza e moda dalgúns dos seus veciños. Ademais, hoxe elixirán a Miss Ardebullo e o grupo Heredeiros da Crus presentará o seu novo traballo discográfico nesta particular vila. 

Como a cousa vai de moda e de modelos, ninguén mellor que Mucha e Nucha para que sexan as protagonistas. Iso si, non estarán soas nesta fazaña e terán como axudante a Toño “O alemán” (Luís Zahera) e como rival a Carriza. A primeira ocorrencia é facer un calendario sexy para vender e así conseguir cartos para as festas e a outra idea é presentar a súa sobriña ao certame de Miss Ardebullo. Ao final, os resultados non son sempre os esperados. 

Nesta edición, os espectadores da TVG tamén poderán gozar coas novas seccións desta temporada do programa, como “O Consultorio de Mucha e Nucha”, onde a audiencia lles pide consellos ás irmás de Ardebullo; “Culturízate”, en que as protagonistas tratan de enriquecer a sabedoría; “Os Roncha”, ese matrimonio fiel aos programas da Televisión de Galicia, pero que ofrecen a súa particular crítica de cada un deles, e “Granxeiros”, onde Ramona, a gran “granxeira inventora”', intentará achegar un novo descubrimento á humanidade.

Galería de imaxes