CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A CRTVG súmase esta semana á celebración do Día Internacional das Mulleres Rurais

14/10/2019

As #AcciónsG da CRTVG viran cara ao rural galego nesta cuarta campaña do ano con contidos especiais na súa programación e catro cortinas de televisión

As mulleres rurais representan máis dun 33% da poboación mundial e o 43% da poboación agrícola, segundo datos da ONU, entidade que promove esta campaña internacional

A CRTVG súmase esta semana á celebración do Día Internacional das Mulleres Rurais

Santiago, 14.10.2019.- Esta semana en que a CRTVG estrea novidades na súa programación, como os novos espazos ‘A bóla extra’, ‘Segredos - Desmontando Galicia’, ‘Vou que teño que ir’ ou ‘Cantos rolados’, é tamén a semana en que os medios públicos se suman á campaña das Nacións Unidas con motivo do Día Internacional das Mulleres Rurais, que se celebra o 15 de outubro en todo o mundo.

A CRTVG, como socia do Pacto Mundial das Nacións Unidas, quere unirse á  celebración través das súas #AcciónsG creando unhas cortinas de televisión que se emitirán na Galega durante toda a semana e cun espazo na web onde se poderán atopar ligazóns de interese a organizacións e institucións públicas e privadas e tamén contidos que os medios públicos emitan estes días arredor da celebración.

Tanto a TVG como a Radio Galega prestarán especial atención a este eido con reportaxes e entrevistas na súas grellas. Por exemplo, este martes 15 de outubro estarán no ‘Galicia por diante’ da Radio Galega Carmen Rodríguez, coordinadora de ‘Mulleres de seu’; Paula Fandiño, directora xerente de ‘Mar de Frades’; e Sonia Vidal, gandeira de Xunqueira de Ambía. Pola súa parte, en ‘A revista’ estarán en directo desde Portomarín coa Asociación de Mulleres Rurais de Portomarín Lugo (O Xaramago).

A ONU celebrou este día por primeira vez en 2008, co obxectivo de recoñecer o papel das mulleres no desenvolvemento, a seguridade alimentaria e a erradicación da pobreza en todo o mundo. A campaña deste ano pretende destacar o papel das mulleres e nenas rurais como creadoras de resiliencia climática. As mulleres rurais supoñen o 33% da poboación mundial e o 43% da poboación agrícola. 

#DiaInternacionaldasMulleresRurais é a cuarta campaña do ano de CRTVG dentro das súas actividades de Responsabilidade Social Corporativa. As outras tres campañas levadas a cabo este 2019 foron #NonTemosOutroMar, en xuño, sobre os perigos do plástico nos océanos; a do Día das Letras Galegas, en maio, e outra sobre deporte inclusivo, en abril, co nome de #NonMiresXoga. Baixo o paraugas de #AcciónsG, a CRTVG promove estas campañas para actuar, sensibilizar, provocar o cambio e mellorar a sociedade.