CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A CRTVG e Unicef poñen en marcha a súa cuarta semana a prol da infancia, baixo o lema "Agora non podemos parar"

16/11/2014

A TVG e a Radio Galega ofrecerán, desde o 17 ao 23 de novembro, unha programación específica de sensibilización da audiencia

O recadado nesta campaña destinarase a programas de saúde, nutrición e auga, que eviten a mortalidade infantil en todo o mundo

Profesionais coñecidos dos medios públicos galegos e diversos artistas realizarán un chamamento especial á solidariedade nos distintos programas  

A CRTVG e Unicef poñen en marcha a súa cuarta semana a prol da infancia, baixo o lema "Agora non podemos parar"

Santiago, 16.11.2014.- Con motivo da próxima celebración do 25 aniversario da Convención sobre os Dereitos do Neno e do Día Universal da Infancia este próximo 20 de novembro, a CRTVG e UNICEF volven poñer en marcha a Semana coa Infancia. Esta é a cuarta edición en que os medios públicos galegos desenvolven esta iniciativa solidaria, centrada en ofrecer entre o 17 e o 23 de novembro unha programación específica de sensibilización da audiencia sobre os dereitos dos rapaces e rapazas á saúde e contra a mortalidade infantil.

 Baixo o lema “Agora non podemos parar”, a CRTVG e UNICEF únense de novo para seguir avanzando no obxectivo de salvar vidas ata que ningún rapaz morra por causas que se poidan evitar. Os fondos recadados destinaranse ao financiamento de programas de saúde, nutrición e auga, hixiene e saneamento.

 Nas dúas últimas décadas, os avances conseguidos foron cuantiosos, pero aínda hoxe se perden cada día as vidas de 17.000 nenos menores de cinco anos, que poderían salvarse con medidas tan sinxelas como vacinas, unha nutrición axeitada, un mosquiteiro ou acceso a auga potable. Coas campañas de vacinación evítanse entre 2 e 3 millóns de mortes cada ano; só en 2013 UNICEF subministrou 2.790 millóns de vacinas para inmunizar un terzo dos nenos do mundo. Tamén o ano pasado, UNICEF proporcionou tratamento contra a desnutrición aguda grave a 2,6 millóns de nenos; repartiu máis de 30 millóns de mosquiteiros para previr nun 20% a mortalidade infantil por causa da malaria, e contribuíu a que 32 millóns de persoas tivesen acceso á auga potable, cuxa falta supón unhas 567.000 mortes ao ano por causa de enfermidades diarreicas en menores de 5 anos.

“Agora non podemos parar”, na TVG e na Radio Galega

Os medios públicos galegos, conforme á súa natureza de servizo público e á súa vocación de responsabilidade social, servirán de altofalantes de UNICEF, ao longo desta semana, para dar a coñecer nos seus distintos espazos a situación actual e as necesidades máis preocupantes da infancia e, tamén, para realizar un chamamento á solidariedade da audiencia. Para colaborar con este obxectivo, espazos da TVG e da Radio Galega, tanto informativos coma de entretemento, ofrecerán contidos específicos a través de entrevistas, transmisións en directo ou reportaxes. Cómpre salientar que o programa “Luar” volverá implicarse totalmente coa “Semana coa Infancia” e ofrecerá o próximo venres unha edición especial, en que rostros moi coñecidos colaborarán co programa e con UNICEF para que a recadación de fondos sexa o máis alta posible.

 Presentadores da Televisión de Galicia coñecidos polo seu traballo nos espazos informativos, como Terio Carrera e Ana Celia Vázquez, actuarán como “mensaxeiros” da campaña “Agora non podemos parar”. Tamén artistas moi populares para os espectadores, entre os que se encontra o showman de “Os Aspirantes”, Roberto Vilar, e os actores principais de series de éxito da TVG como “Serramoura”, “O Faro”, “Casa Manola”, “Padre Casares” e “Era Visto”, quererán ser partícipes desta iniciativa, entre outros.

 A Radio Galega e os seus profesionais tamén dedicarán cada xornada boa parte dos seus contidos á “Semana coa Infancia”, a través de programas como “Somos Quen”, “Galicia en Goles”, "Galicia por Diante", “A Tarde” e “Convivir en Igualdade”. Na emisora pública, actuarán como “mensaxeiros” os presentadores Cristina García e Kiko Novoa, entre outros.

 Ao longo da semana, todos eles farán un chamamento especial para que a audiencia galega se una á Semana coa Infancia co envío de SMS coa palabra AXUDA ao 28028 ou chamadas ao 905 44 60 28. Co custo dunha mensaxe enviada, 1,20 €, UNICEF pode vacinar un neno contra enfermidades mortais ou proporcionar un día de tratamento contra a desnutrición durante un día.

 A axencia das Nacións Unidas está presente sobre o terreo en máis de 190 países, traballando cos gobernos, as comunidades, as organizacións da sociedade civil e aliados do sector privado para apoiar accións efectivas e que salvan vidas en cada fase da vida dun neno.

Na foto superior, Gayoso e Lucía Regueiro, nun momento do programa especial que desenvolveu "Luar" o ano pasado en apoio de Unicef.