CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A CRTVG crea "Labovisión de Galicia", un laboratorio de innovación audiovisual para colaborar con emprendedores dixitais galegos

30/11/2012

Consiste nunha plataforma de colaboración que sirva de escaparate e de banco de probas para o estudo de novos medios e novos formatos

No primeiro proxecto acollido a Labovisión, unha empresa galega desenvolve unha iniciativa singular de TV aumentada con dispositivos que exercen de segunda pantalla

 

A CRTVG crea "Labovisión de Galicia", un laboratorio de innovación audiovisual para colaborar con emprendedores dixitais galegos

 

Santiago, 30.11.2012.- A CRTVG vai presentou no escaparate das industrias culturais galegas, Culturgal, o novo proxecto do Laboratorio de Innovación Audiovisual, denominado Labovisión de Galicia. Así o puxeron de manifesto este venres o director de Comunicación da CRTVG, Fernando R. Ojea, e a xefa de Innovación e Novas Canles do ente público galego, Esther Medina, que amais contaron coa intervención de Andrés Mazaira, profesor da Universidade de Vigo e director da empresa Bridge Mediatech.

Inmersos na actual revolución dixital e nun escenario en continua transformación, os medios autonómicos galegos, comprometidos coa súa vocación de servizo público, anunciaron a posta en marcha de Labovisión de Galicia, unha iniciativa para promover e apoiar a creación de talento xurdido no noso país, orientado á procura e ao desenvolvemento das novas tendencias audiovisuais. Desde esta plataforma, a CRTVG apoiará iniciativas que desde Galicia poidan achegar ideas e solucións para algunhas das grandes incógnitas que agora presenta a aplicación da tecnoloxía da comunicación.

Con este proxecto, a CRTVG buscará aproveitar as sinerxías das distintas entidades e institucións, para traballar en rede na experimentación conxunta de tendencias innovadoras no campo audiovisual e colaborar con emprendedores dixitais galegos. A finalidade de Labovisión de Galicia será experimentar nos novos medios e nos novos formatos, de xeito que a CRTVG se converta nun escaparate e nun banco de probas de novos proxectos.

Na presentación de Labovisión o ente público adiantou o primeiro proxecto a desenvolver dentro de Labovisión, o denominado televisión aumentada, un novo medio para proporcionarlles aos espectadores unha televisión máis interactiva e personalizada grazas á incorporación dunha segunda pantalla conectada, que pode ser unha taboíña, un smartphone ou un portátil. Andrés Mazaira explicou as características da iniciativa, coa axuda dun vídeo explicativo elaborado pola TVG (http://www.crtvg.es/crtvg/canles-tematicas/mais-g/tv-aumentada-o-novo-proxecto-da-crtvg-labovision-de-galicia).

 

Galería de imaxes