CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A artista portuguesa Dulce Pontes, o cantante Juan Valderrama, o grupo Broken Peach e o gaiteiro Cristian Silva, convidados no último 'Luar' de outubro

30/10/2020

Tamén pasarán polo escenario o Grupo Bomba, a Asociación Cultural Donaire e a formación de música tradicional Pan sen Fron

A artista portuguesa Dulce Pontes, o cantante Juan Valderrama, o grupo Broken Peach e o gaiteiro Cristian Silva, convidados no último 'Luar' de outubro

Santiago, 30.10.2020.-  O último ‘Luar’ (22.00 h) do mes de outubro contará coa presenza de Dulce Pontes, que, ademais de ser unha das artistas portuguesas máis aclamadas, tamén é considerada como unha das grandes fadistas de todos os tempos. Ao longo da súa carreira, Pontes adentrouse tamén na world music e achegouse ao pop e á música de raíz. Todo isto foi configurando unha personalidade musical fascinante que durante tres décadas cativou medio mundo.

O cantante Juan Valderrama, herdeiro dunha gran tradición musical, tamén estará hoxe no programa. Fillo dunha das parellas artísticas máis emblemáticas do noso país, Juanito Valderrama e Dolores Abril, recentemente falecida, abriuse camiño no panorama musical cun estilo que mestura as raíces andaluzas coas novas tendencias. Valderrama actuará xunto á cantadora estremeña Miriam Cantero, coa que realizará unha versión moi particular do ‘Alalá de Muxía’.

Outra das actuacións desta noite será a do grupo vocal feminino Broken Peach. A estética, o toque persoal que lles achegan ás versións e as súas voces harmónicas son garante de moita diversión nas actuacións desta banda viguesa de rock & soul.

Ademais, o espazo presentado por Xosé Ramón Gayoso recibirá a visita do gaiteiro Cristian Silva, cuxa forma de entender a gaita racha con todo o estipulado, xa que busca novos ritmos e melodías, levando o son da gaita e a percusión tradicional a un plano diferente e innovador, cara a un son indie-pop.

O Grupo Bomba, a Asociación Cultural Donaire e a formación de música tradicional Pan sen Fron completan as propostas musicais do ‘Luar’ deste venres, que conta cun bote de 8.500 € no concurso telefónico.

No tempo dos concursos do programa, Carmaría e Veni da Rocha disputarán a semifinal do ‘Vai de Regueifa’, mentres que Lidia Sueiro, representante da comarca Terras de Ordes, e Roci Álvarez, procedente do Bierzo, medirán as súas voces nunha nova edición de ‘Recantos’.