Anxo Estévez, o neno que foi ‘esquío’ e brillou como estrela entre os cabalos e o circo

05/08/2019 14:19:25
Anxo Estévez, o neno que foi ‘esquío’ e brillou como estrela entre os cabalos e o circo

O feito de ter unha existencia movida desde a infancia seguramente influíu na súa forma de ser e de comportarse, vivindo para fóra, de cara á xente. Precisa a extraversión para ser el mesmo e faino a conciencia, con expresión natural. Naceu en Chantada hai 57 anos, mais durou pouco alí, xa que a casa familiar establecíase onde estaba destinado seu pai que traballaba facendo presas hidroeléctricas coa empresa Dragados. De Belesar pasou a Ribadavia e de alí a Ourense e ós oito anos entrou na “Ciudad de Los Muchachos”, a comunidade infantil e xuvenil que o cura Xesús Silva tiña en Bemposta, en Seixalbo, ás portas de Ourense.

Chegou, lembra, “o 3 de abril de 1970, cunha decisión que marcou a miña vida”. Fíxoo movido polo impacto que lle provocou un programa emitido por TVE sobre o circo, “que me deixou cativado. Pensei que aquela tiña que ser a miña vida”. Os primeiros catro anos estivo como externo. É Anxo Estévez Vázquez, pero Maricarmen Legido, a súa primeira profesora, alcumouno axiña como “Ardilla” (“Esquío” en galego), polo seu carácter agudo e inquedo. A intuición da docente prendeu como corre a pólvora e o Anxo Estévez Vázquez quedou convertido en “Ardilla” para sempre, ata o punto de que moitos amigos e compañeiros descoñecen o seu nome de pila.

Vivía na zona da Chavasqueira e gustáballe. De feito, cando empezou no circo quería que Julio Savala - outro dos rapaces formado na Bemposta que consolidou unha exitosa carreira artística internacional -, que facía de presentador, lle presentase como “Angelito da Chavasqueira”. Pero iso non prendeu.

Durante catro anos foi alumno da escola de circo e en 1975 “realicei a miña primeira ‘tourné’ por España adiante, despois de participar nalgunhas funcións por aquí”. Logo veu a súa primeira gran decepción, xa que o circo “foi a Australia e aínda hoxe non sei porque non me levaron. Cría, e aínda o creo, que tiña máis nivel que algúns dos que foron, mais ese misterio nunca se resolveu”.

A pesares dese revés, o circo deulle a “Ardilla” “gran satisfacción persoal e un importante bagaxe vital, imposible de adquirir doutra maneira”. Recorreu o mundo, coñeceu “xentes e culturas distintas, ademais de aprender a defenderme en situación complexas”, pois enseguida tivo responsabilidades no funcionamento do circo. “Era unha forma especial de ver o mundo para un crío de 15 anos”.

A súa primeira xira por América mantívoo dous anos sen volver á casa, consolidando un xeito de vida que contribuíu a forxar a súa personalidade. “Viaxaba con xente heteroxénea, que tiñamos que convivir as vinte e catro horas do día. Foi unha gran aprendizaxe para entender as relación persoais doutra forma”. A aquel adolescente que bordaba exercicios de equilibrio e acrobáticos case imposibles sobre os cabalos, que o fixeron famoso, viuse sorprendido cando chegou a Colombia “polas pelexas de nenos de tres ou catro anos por un cartón para durmir de noite. Esnifaban cola, metían o nariz no escape dos coches para drogarse… Eran imaxes moi duras para o adolescente que era eu daquela”.

O circo gustáballe tanto que fixo de todo: cantou, presentou, foi acróbata, pallaso, funambulista e, por suposto, dominou a acrobacia a cabalo e alta escola, que é como se denomina á doma no argot. Permaneceu no circo e en Bemposta ata que “esta pasou a mellor vida no 2004”. Atrás quedaron, daquela, “tres cuartas partes da miña vida, pois empecei en segundo de primaria e mentres me consolidaba como artista fun seguindo a miña formación académica. Acabado o ensino medio fixen Maxisterio e despois Ciencias Sociais”. Na organización que lideraba o pai Silva, ademais de artista exerceu como “profesor, xefe de estudos e profesor de circo”. Do final daquela experiencia quedoulle un gusto amargo, xa superado porque “acabou sendo un engano e un fraude ós bemposteños que traballaron pola institución e polo seu patrimonio durante case medio século”.

A pesar de todo, cre que de aquelo queda “unha idea, mellorable, xunto co espírito bemposteño, xente solidaria que ve a vida de forma peculiar e que pensa nos desfavorecidos”. De feito, ese espírito sigue vivo, xa que un nutrido grupo dos que integraron aquela “troupe” séguese xuntando nunha xornada ó ano cada mes de agosto, “á que acoden compañeiros de todas as idades e que veñen de distintas partes do mundo. É a forma de matar a saudade do tempo pasado e de manter o compromiso pola idea que un día nos uniu”.

Como bemposteño “pata negra” casou cunha moza bemposteña, coa que tivo dous fillos que son a súa felicidade. Camiñando cara os sesenta xa non ten o corpo para acrobacias enriba dos cabalos, pero mantén unha especial axilidade e clase para cabalgar e trasladar ós seus alumnos todos os segredos da equitación, como profesor de hípica para as novas xeracións.

Polo demais, mata o verme circense con esporádicas representacións de teatro-circo con vellos compañeiros como Churri Silva ou Alejandro Oviedo, que contan con recoñecementos internacionais nesta disciplina. Polo que atinxe ó Circo dos Muchachos, aínda está convencido de que “é unha experiencia digna de estudo, pois o Circo do Sol foi unha copia, con apoio do goberno canadense e cunha xestión sensata”.

Compartir en Facebook
Valoración
Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí