Vivan as tardes!
Vivan as Tardes! conta con tres seccións. Na primeira ten cabida todo o relacionado co amor de parella e as súas múltiples facetas: parellas que levan moito tempo xuntos, outras que se coñeceron en circunstancias peculiares, homes e mulleres que buscan parella… Nun ton simpático e atrevido, os convidados contestan as preguntas e os xogos de memoria da súa vida en común que Pili Pampín lles propoña.
Na sección 'Grazas', a presentadora entrevista membros dunha familia exemplar, que teñan pasado por vicisitudes e contrariedades moi serias, pero que con humor e amor foran quen de superalo. Entre risos e bágoas, as familias van contando a súa historia de lealdade e superación.
Cando os trances da vida semellan non ter remedio, falar sobre eles é un dos mellores alivios. Partindo desta premisa, Yolanda Vázquez conversa con persoas que teñan ou tiveran un conflito de difícil solución: historias de superación, exemplos de vida e crecemento persoal, de perseverancia e resistencia ao padecemento, etc. Os convidados dialogan sen presións sobre o que os inqueda, sobre o que lles doe e sobre o que os impulsa a seguir coas súas vidas.
Ademais, 'Vivan as Tardes!' convida cada día cantantes, humoristas, magos, contacontos e artistas en xeral para que actúen como guinda final de cada edición do programa.