CRTVG

Buscar

Valderrei

Valderrei conta a historia de Isa, unha muller de 40 anos, casada e con dous fillos, que despois de vivir moitos anos en Ferrol foxe dunha situación matrimonial crítica. Isa ten que refacer a súa vida no lugar onde ten as súas raíces, a pequena vila de onde procede a súa familia. En Valderrei, un lugar imaxinario que na realidade se sitúa entre Caldas de Reis e Padrón, a protagonista vive experiencias novas, fai amigos e inimigos e inicia novas relacións.

A actriz Mónica García é a encargada de interpretar a Isa. Na serie estará acompañada por César Cambeiro, que lle dá vida a Henrique, o seu marido. Sheila Fariña e Darío Loureiro representan os seus fillos Xandra e Marco, mentres que Miguel Pernas fará do seu tío Gustavo, o único familiar que lle queda en Valderrei.

Na vila, Isa encontra a David, interpretado por Antón Olmos, o avogado que a asesora á súa chegada; e a Marga, a muller de David, personaxe a cargo de Branca Cendán, que interpreta a unha muller obsesionada por ascender de clase social.

Nesta produción, os mozos terán un oco importante. Os problemas, preocupacións e anhelos da mocidade veranse reflectidos nas vivencias do grupo de Valderrei, do que forman parte os fillos de Isa, Rafa e Mónica, entre outros.

A dirección da serie corre a cargo de Miguel Conde, Antón López.

Adaptación de Ventdelplá

Valderrei é unha adaptación da serie Ventdelplá, que se estreou en TV3 a finais de 2004 e que leva xa máis de 100 episodios sendo un dos programas máis vistos da autonómica catalá. O equipo de Valderrei confía en trasladarlles este éxito ás pantallas galegas. Para iso adaptouse o guión do dramaturgo Josep María Benet y Jornet a un formato diario, xa que a serie catalá se emite dúas veces á semana en horario de prime time. A adaptación corre a cargo da guionista Rosa Castro, que xa conta con outros éxitos como Rías Baixas e Libro de familia.

Os capítulos de Valderrei en Máis Á Carta

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Valderrei á carta