Terra de Miranda
Achégase o primeiro aniversario de voda de Alfonso e Mucha e os dous seguen tan namorados coma o primeiro día. Desde hai un ano producíronse certos cambios nas vidas dos veciños da localidade: Carmela e os seus fillos tiveron que abandonar a comarca. Pero non só iso, senón que Mucha terá que cambiar de negocio despois dun aparatoso incendio na súa barbería. Agora ocúpase do bar Chopenhauer, que é o punto de encontro para os personaxes da serie. Silvino, cronista oficial de Miranda, Servando e mais o seu amigo imaxinario Roque, don Amador, Emilio e Remedios, entre outros, pasarán pola barra do bar que atende Metralla.
Pero, sen dúbida ningunha, se hai algo que revoluciona a vida en Miranda é a chegada dunha nova veciña. María, a guapa neta do desaparecido Baldomero Ferreiro, é unha grata novidade para os rapaces e, á vez, unha ameaza para as rapazas...
Ambientada en "Miranda", (en realidade Mondoñedo), a vila de ficción creada por Álvaro Cunqueiro; narraba na súa primeira temporada a historia dunha muller que tras unha ruptura matrimonial, decide deixar Vigo e establecerse na súa terra natal. Carmela é veterinaria e retoma a súa profesión, que abandonara hai anos cando casou, para ocupar a vacante que deixa seu tío Alfonso cando se xubila.
Queda a vivir, xunto cos seus fillos, Brais e Bea, na casa do seu vello, rosmón, e solitario tío, a quen lle vai custar moito adaptarse á nova situación. Brais é un neno moi intelixente, pero sempre está a argallar trasnadas. Bea, é unha adolescente á que lle gusta a música, que vive os problemas propios da súa idade, e que vai atopar o seu primeiro amor en Miranda.
Outros personaxes como: Félix, empresario de métodos pouco ortodoxos e amigo da infancia de Antón; Silvino, o curandeiro tradicional metido a veterinario, que acabará sendo o axundante de Carmela; o cura don Amador, compañeiro do tío Alfonso no seminario; as dúas irmás Eladia e Virtudes, donas do bar da vila, etc..., coas súas propias vivencias, forman parte do día a día da vila de Miranda, e da propia de Carmela.