Os castros
Serie documental dirixida por Xosé Manuel Vega e presentada por Alba Mancebo, dará a coñecer a riqueza do noso patrimonio castrexo, bastante descoñecido polos galegos. Esta nova produción ofrecerá dun xeito moi divulgativo o significado da cultura castrexa en Galicia desenvolta desde o século VI a.C. ata xa ben avanzada a romanización, cando os habitantes dos castros abandonan eses poboados e van vivir ás vilas e aldeas creadas baixo a lóxica económica e administrativa de Roma.
Amosarase como era a vida neses poboamentos de casas redondas amurallados que coroan tantos outeiros de Galicia. Os espectadores saberán que conta a súa arquitectura, como estaban organizados social e politicamente, de que vivían, como era a súa mentalidade e o seu mundo de crenzas e como influían estas nas súas creacións artísticas. Ademais, amosarase toda a diversidade de pezas e xoias daquela época que se gardan nos nosos museos.
A entender todo isto axudarán expertos, profesores universitarios e arqueólogos especialistas na prehistoria galega e cunha experiencia contrastada no mundo castrexo.