Luci
Luci é unha muller normal, ten 37 anos, un posto de traballo nunha das brigadas de mantemento de parques e xardíns da cidade, un piso coa hipoteca a medio pagar, un fillo, un ex-marido e unha irmá coa que fala por teléfono todas as noites. Luci é loitadora e botada para adiante. Ten a capacidade de plantarlles cara ás dificultades da vida e de sacar o positivo das malas experiencias: a separación matrimonial, o irregular rendemento académico do fillo, a adaptación a un xefe novo no traballo, a dificultade de ligar cando se perdeu o costume, etc.
Luci é boa xente, alegre e amiga dos seus amigos, pero é mellor non tirarlle do xenio. Sabe que nin a vida nin ela son perfectas. E menos mal, porque de selo, o mundo sería un lugar moi aburrido.
Esta comedia realista, con aire documental na súa posta en escena, conxúgase en primeira persoa, pero tamén conta coa participación doutros personaxes como Hadrián, o fillo preadolescente de Luci, interpretado por Darío Loureiro; Beto, o ex-marido paspán en plena crise dos 40, a quen lle dá vida Santi Prego, e Sole, a irmá pequena que exerce de irmá maior, en cuxa pel se pon a actriz Eva Fernández.