Luar
Na nosa tempada número 20, Luar estrea presentadora. A gañadora da primeira edición do concurso “Recantos”, Maret, vai presentar xunto con Xosé Ramón Gayoso un programa que recuperará seccións destacadas da súa historia, ao tempo que introduce novidades substanciosas.
Quen non lembra as chamadas que Gayoso realizaba en directo e ao chou a calquera fogar galego? “Luar” recupera o concurso telefónico en que se lle pide a un espectador que acerte a resposta a unha pregunta previamente exposta no programa. Cada chamada gañadora terá un premio de 500 euros, acumulables se o espectador non atina coa resposta correcta. Volven as recollidas, momentos de recuperación da memoria cultural e folclórica do país, este ano presentadas por Davide, un novo valor da música galega que mestura a tradición con ritmos e estéticas vangardistas. Continúa o mestre Pablo Carpintero aprendéndolles aos espectadores a construír instrumentos musicais con elementos cotiáns.
Haberá segunda edición de “Recantos”, o concurso de cantantes para descubrir talentos novos da canción melódica galega, en que participan aspirantes repartidos entre distintas zonas de Galicia.
Se o “Luar”, ao longo destes 20 anos, foi berce de grandes nomes que hoxe triunfan na escena e na televisión, esta tempada continuaremos acubillando tanto nomes consolidados coma promesas dos escenarios. Ademais do consagrado Luís de Matos, presentaremos un extraordinario mago galego, Martín Varela, que dará moito que falar cos seus 15 anos!
E a nómina de humoristas, coma sempre, manterá o papel destacado dos habitantes de Ardebullo: as cantareiras Mucha e Nucha, o cardiólogo Lauren e o dono da casa rural Pepe. Luís Zahera dará a coñecer pequenas xoias que persoas anónimas ofrecen sobre Galicia na Internet. Unha ampla nómina de actores representará chistes escenificados cada semana, e convocaremos un innovador concurso de humoristas que dará moito que falar.
A interacción co público seguirá a ser outro dos piares luareiros. Ademais das chamadas en directo, abriremos a posibilidade de participar a través da nosa páxina de Facebook: “Luar (páxina oficial)”.
Os programas de Luar en Máis Á Carta
Concursos Luar
- 2ª edición Concurso Recantos - Luar (vídeos)
- Os humorosos. Sobe aquí os teus vídeos para participar no concurso de humor de Luar
Como chegar ao estudio de Luar
Ver mapa máis grande
Horas de emisión:
- 02:30 / 04:45
- 22:00 / 00:30
- 02:00 / 03:30
- 08:00 / 10:00
- 16:00 / 17:45
