Historias de Galicia
Horas de emisión:
- 00:00 / 00:30
- 19:30 / 20:00
Esta produción da TVG ten por obxecto divulgar os feitos que configuraron ao longo dos séculos a realidade material, económica, política, social e cultural do país.
Historias de Galicia está feita como unha serie de carácter xornalístico. Nela intentarase responder ás preguntas que se teñen presente na análise de calquera realidade: que aconteceu, quen foron os protagonistas dos feitos, cando sucederon, onde, como e por que. A serie ten unha guía para darlle continuidade e axilidade á narración, dotándoa dun ton próximo e divulgativo.
Todos os temas tocados na serie documental son realidades que lles seguen a afectar aos intereses xerais do país e á vida dos galegos, polo que interesa coñecer o pasado usando un método expositivo que permita relacionar os feitos pretéritos coa actualidade. Deste xeito, en cada unha das historias de Galicia están presentes os actores e os factores que en cada momento condicionaron e determinaron o devir histórico: o papel que tiveron os recursos naturais, que significou a localización xeográfica, o sistema de relacións e estruturas sociais e as formas culturais.
As varas da Xustiza, A forza das máquinas, Da feira ao mercado global, As causas das cousas ou O valor das letras, forman parte das novas temáticas que presenta a serie documental "HISTORIAS DE GALICIA", abrindo así unha nova etapa para ensamblar á narrativa actual os aspectos social, político e económico do acontecer en Galicia.
Xosé Manuel Vega está á fronte destas novas entregas despois da excelente acollida de público obtida na primeira temporada e de ser distinguida, entre outros premios, como o mellor programa de televisión na edición deste ano dos Mestre Mateo.
O director da serie, que segue a ter como presentador a Xosé Barato, recorda os obxectivos desta produción presentes na orixe do proxecto, como é a divulgación dos feitos que configuraron ao longo dos séculos a realidade material, económica, política, social e cultura do país. "Fíxose unha selección daquelas constantes que sempre determinan e expresan a historia de calquera pobo", engade Xosé Manuel Vega.