Gaña a túa sorte
En cada edición haberá unha parella de concursantes que deberá responder 10 preguntas sobre música, curiosidades, gastronomía, cultura xeral ou de Galicia. “Gaña a túa sorte” conta cun gran panel con 12 pantallas baixo as que se agocha un bote, o galardón de maior importancia, e os restantes premios. O peor deles é Don Cachelo, a mascota do programa, unha pataca da terra á que non quererán atopar como premio final.
Tras superar as primeiras cinco preguntas, os concursantes terán a posibilidade de reservar unha pantalla da súa elección, coa que negociarán ao final do espazo e disputarán unha poxa económica co presentador, para decidir se quedan coa cantidade económica que este lles ofrece ou se, tras rexeitala, levan o galardón que agoche o luminoso escollido ao principio.
Cunha duración diaria de 30 minutos, na tarefa de presentación Javier Varela contará coa axuda do simpático Don Pepiño. “Gaña a túa sorte” é un programa da TVG, producido por Tex 45 sobre unha idea orixinal de Europroducciones TV.