Cifras e letras
O presentador e humorista Paco Lodeiro conduce Cifras e letras,un programa cun prestixio recoñecido debido á súa traxectoria longa e chea de éxito noutras canles. O espazo encárgase de encher de emoción e interese as sobremesas diarias da audiencia galega.
O concurso serve para axilizar a mente e permite competir amigablemente desde a casa, na que se xoga instintivamente. "O cometido do presentador neste caso é non molestar demasiado e facer que os concursantes estean cómodos, sen histrionismos", apunta Lodeiro.
O escenario do concurso é moi sinxelo: un atril frontal co presentador, a un lado dous concursantes -quen gaña repite ao día seguinte- e fronte a eles os expertos que verifican os resultados das probas. Os colaboradores do programa nesta situación son Xurxo Mira, no papel de sabio dos números, e María Canosa no de sabia das letras. Xurxo Mira é profesor de Física na USC e conseguiu prestixiosos premios á divulgación científica. María Canosa é enxeñeira de camiños, canles e portos, ademais de autora de libros infantís.

