A lei de Santos
Nesta nova serie, os espectadores verán como, despois da súa marcha da vila madeireira de Serramoura, Mario Piñeiro, alias Santos, volve á súa vila natal, Viladesantos, o lugar onde medrou e onde ten amigos, inimigos e familia.
O regreso do fillo pródigo esperta as suspicacias de moita xente. Non é ben recibido por ninguén, especialmente polo único familiar que lle queda vivo: o seu tío, Constante Folgoso, párroco de Viladesantos. Porque, aínda que Santos sempre asegurou que medrou nunha contorna criminal, a realidade é moi diferente: de neno mesmo foi sancristán.
A súa chegada a Viladesantos coincide coa misteriosa morte dun dos seus veciños, un suceso inédito na vila, polo que todas as sospeitas se depositarán sobre Santos. Pero o verdadeiro obxectivo do seu regreso é outro: Santos quere dar un novo golpe, o último. Cal será o seu plan?
A nova ficción de Televisión de Galicia conta coa presenza de Xabier Deive e de Andrés Giráldez, que lles daban vida en Serramoura aos personaxes de Pancho e de Peixe, respectivamente. Sonia Castelo, Iria Sobrado, Lidia Veiga, Federico Pérez, Victoria Teijeiro, Carlos Villarino, Mercedes Castro, Marcos Viéitez, Xoán Fórneas, Adrián Ríos e Marta Doviro, entre outros, completan o elenco de A lei de Santos.