CRTVG

Buscar

Concursos

Vai de baile

O programa Luar da Corporación RTVG, S.A., emitido a través da súa canle, TVG,  co desexo de promover e difundir os valores artísticos do baile galego así como incentivar a súa práctica en boa competencia, convoca a oitava edición do concurso “VAI DE BAILE” que se desenvolverá de acordo coas seguintes.

 BASES

Participantes


  1. Poderán participar os maiores de 16 anos que se inscriban por parellas. No caso de que o participante sexa menor de 18 anos deberá contar coa autorización expresa dos seus titores legais. A Dirección do Programa fará unha selección previa dos candidatos.
  2. Non poderá participar no concurso o persoal da Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A., os seus respectivos cónxuxes e os familiares ata o segundo grao de consanguinidade e afinidade. Tampouco poderán participar os empregados da coprodutora do programa nin o persoal de empresas que presten servizos no programa Luar, nin os seus respectivos cónxuxes e os seus familiares ata segundo grao de consanguinidade e afinidade.
  3. A inscrición será gratuíta. Os concursantes non terán dereito a contraprestación económica ningunha, aínda que o Programa poderá entregarlles unha cantidade en concepto de axuda para gastos de desprazamento.
  4. Os concursantes comprometeranse a presentarse no lugar e durante o tempo que se lles sinale para efectuar os ensaios previos, así como seguir as instrucións de participación durante o programa. A parella que non se presente a algunha das convocatorias quedará descalificada.


Mecánica do concurso

  1. En cada programa competirán dúas parellas entre si bailando unha xota e unha muiñeira de forma alternada, máis un agarrado que bailarán simultaneamente.
  2. O xurado de Vai de Baile estará formado por tres especialistas de recoñecida solvencia. Cada membro do xurado emitirá a súa valoración, atendendo a criterios técnicos e artísticos e a súa decisión será inapelable. Unha vez nomeado o xurado, os concursantes declararán non ter ningunha vinculación familiar ata o segundo grao de consanguinidade e afinidade con ningún dos membros do xurado. A Dirección do Programa poderá, no caso de imposibilidade de asistencia dalgún dos membros do xurado, nomear un substituto que pasará a formar parte do xurado, sempre coa mesma condición de non ter vinculación familiar cos concursantes.
  3. Na primeira fase cada semana participarán dúas parellas novas. A parella que resulte gañadora volverá a seguinte semana con un máximo de dúas semanas. As parellas que resulten gañadoras dúas veces, pasarán á seguinte fase do concurso. De maneira excepcional, o xurado poderá asignar un empate, de xeito que se considerarían gañadoras as dúas parellas. A Dirección do Programa resérvase o dereito a modificar a duración do concurso atendendo a criterios de audiencia.
  4. Na segunda fase participarán as parellas clasificadas na primeira fase. Cada semana presentaranse dúas parellas. A  Dirección do Programa resérvase o dereito a modificar a duración do concurso atendendo a criterios de audiencia.
  5. Na semifinal participarán as 4 parellas que seleccione o xurado de entre as que participaron na segunda fase. A Dirección do Programa resérvase o dereito a eliminar esta fase e pasar directamente á final coas dúas parellas máis destacadas da segunda fase. 
  6. Na final competirán as dúas parellas que seleccione o xurado de entre as que participaron nas semifinais.
  7.  A parella que non se presente a algunha das convocatorias quedará descalificada.


Premio

O Vai de Baile ten como premio unha dotación económica de 2.000 € para a parella campiona e de 1.000 € para a subcampiona, correspondéndolle o 50 % do premio a cada compoñente da parella. Os premios estarán suxeitos á correspondente retención do IRPF.

Protección de datos

De acordo co disposto na Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal, infórmase de que os datos de carácter persoal recollidos ao abeiro deste concurso serán incorporados a un ficheiro do que é responsable a CORPORACIÓN RADIO E TELEVISIÓN DE GALICIA, S.A. con sede en Bando – San Marcos s/nº, 15820 Santiago de Compostela, co fin de resolver a xestión e difusión do concurso. Os interesados poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición dirixindo unha solicitude asinada por escrito ao Servizo de Informática da CRTVG no enderezo sinalado, xunto cunha copia do seu DNI.

Disposicións xerais

  1. Os concursantes ceden todos os dereitos de imaxe á Corporación RTVG, S.A. así como todos os dereitos derivados da súa actuación, respecto á súa gravación audiovisual, a súa reprodución e comunicación pública por televisión, internet e demais medios coñecidos, para todo o mundo e ata a súa entrada no dominio público, e sen límite de pases.
  2. A Dirección do Programa resérvase o dereito de modificar ou suspender o concurso temporal ou definitivamente cando as necesidades de programación e audiencia así o aconsellen.
  3. A Dirección do Programa resérvase o dereito de expulsar ao concursante que incumpra estas bases ou que manifeste un comportamento pernicioso para o programa en calquera das fases do concurso. 
  4. A participación no concurso supón a plena aceptación destas bases. A súa interpretación ou calquera aspecto non previsto nelas será competencia exclusiva da Dirección do Programa.
  5. A Corporación RTVG queda exonerada de toda responsabilidade en caso de mal funcionamento das redes de comunicación telemática que impidan o normal desenvolvemento desta iniciativa por causas alleas a aquel e especialmente por actos externos de mala fe. Tampouco será responsable a Corporación RTVG dos problemas de transmisión ou perda de datos non imputables a esta.