CRTVG

Buscar

Concursos

RECANTOS 2018-2019

BASES RECANTOS 2018-2019

O programa Luar da Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A., emitido a través da súa canle Televisión de Galicia,  co desexo de promover e difundir os valores artísticos da música melódica así como incentivar a súa práctica en boa competencia, convocou a 9ª edición do concurso “RECANTOS” 

Os candidatos seleccionados no concurso RECANTOS aceptan que a súa participación estea rexida polas seguintes BASES :

Concursantes

1.- A idade mínima para participar é de 16 anos. No caso de que o participante sexa menor de 18 anos, deberá contar coa autorización expresa dos seus titores legais. A Dirección do Programa fará unha selección previa dos candidatos mediante probas ou visionando os vídeos recibidos.

2.- Non poderá participar no concurso o persoal da Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A. e os seus respectivos cónxuxes e os familiares ata o segundo grao de consanguinidade e afinidade. Tampouco poderán participar os empregados da coprodutora do programa CTV, S.A. nin o persoal de empresas que presten servizos no programa Luar, nin os seus respectivos cónxuxes e os seus familiares ata segundo grao de consanguinidade e afinidade.

3.- A inscrición será gratuíta. 

Por cada convocatoria para acudir ó programa, os concursantes recibirán unha cantidade en concepto de axuda para gastos de desprazamento  tendo en conta a distancia existente entre o seu lugar de orixe e o lugar de gravación.

Por outra parte, a Corporación CRTVG aboará a cada concursante a cantidade bruta de 50€ por cada programa ao que sexan convocados, menos a retención fiscal correspondente, pola cesión de dereitos de imaxe e demais dereitos cedidos. Esta cantidade, menos a retención fiscal correspondente, será aboada previa presentación de factura mensual que cumpra os requisitos legais establecidos. 

4.- Os concursantes comprometeranse a presentarse puntualmente no lugar e durante o tempo que se lles sinale para efectuar os ensaios previos, así como seguir as instrucións de participación durante o programa. Tamén terán que facilitar a gravación previa de imaxes no seu ambiente persoal con amigos e familiares para ilustrar a presentación.  O incumprimento deste punto poderá dar lugar á eliminación do concurso.

5.- Os participantes que desexen abandonar o concurso comprometeranse a presentar a renuncia por escrito cunha antelación suficiente para non prexudicar o desenvolvemento do programa. 

6.- Os recantos  representados corresponden á división xeográfica, tanto de Galicia como de zonas limítrofes no seu caso, feita polo Programa seguindo criterios estritamente funcionais.

Mecánica do concurso

7.- En cada programa competirán dous representantes de cadanseu recanto interpretando, con voz en directo e acompañamento musical en playback, un tema musical en galego elixido pola Dirección do Programa. 

8.- Despois das interpretacións votará un xurado composto por tres persoeiros de recoñecido prestixio, vinculadas ao mundo da música. Cada membro do xurado outorgará a cada concursante de un a dez puntos. 

9.- Engadirase un total de dez puntos repartidos entre os dous concursantes de forma proporcional ás chamadas telefónicas e votación polas redes sociais Whatsapp, Facebook e Twitter que se reciban durante o tempo designado no programa. O público poderá chamar desde calquera parte de España ou estranxeiro contabilizándose un voto por chamada coa limitación de cinco chamadas desde o mesmo número de teléfono por cada programa. A votación dende as redes sociais estará limitada a un voto por usuario e programa.

10.- Engadirase un punto para o recanteiro que consiga máis votos dos seus compañeiros presentes. En caso de empate nesa votación dos compañeiros, o punto será para quen obtivese máis chamadas do público.

11.- O resultado da suma das votacións do xurado, dos espectadores e dos recanteiros será exposto nunha táboa clasificatoria.

Clasificación 

12.- No concurso poderá haber cantas fases decida a Dirección do Programa atendendo a criterios de audiencia.

13.- Na primeira fase participarán todos os concursantes e ao remate da rolda pasarán á seguinte fase os mellor puntuados. En caso de empate, o xurado deberá decidir quen promociona, podendo solicitar previamente que os recanteiros afectados canten o tema que decida a Dirección do Programa. 

14.- Nas seguintes fases participarán os concursantes promocionados e comezará unha nova táboa clasificatoria partindo as puntuacións de cero. O número de concursantes que promocionen será determinado pola Dirección do Programa atendendo ás necesidades de programación.

15.- Os concursantes deberán participar en solitario, formando duetos ou calquera outra formación que a Dirección do Programa estime oportuno, seguindo en todo caso coa puntuación individual e co mesmo mecanismo porcentual.

16.- Ao remate das eliminatorias, os concursantes mellor puntuados competirán en semifinais e final. O número concreto de concursantes seleccionados para semifinais e final, será comunicado á audiencia durante o programa Luar antes da celebración destas fases.

Premio 

17.- O concurso ten como premio unha dotación económica de 5.000 € para o campión e de 2.000 € para o subcampión, que estará suxeita á correspondente retención do IRPF. 

Protección de datos

18.- A Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A. (Corporación RTVG) informa que, con base no Regulamento UE 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello de 27 de abril de 2016, relativo á protección de persoas físicas respecto ao tratamento de datos de carácter persoal e á libre circulación deses datos (RGPD), a finalidade da recollida e tratamento dos datos de carácter persoal que o PARTICIPANTE nos facilita durante a súa participación no concurso, e que fai referencia a datos de carácter persoal, resulta necesario para o desenvolvemento e cumprimento do concurso. Informámoslle que ditos datos non serán cedidos a terceiros sen o seu expreso consentimento salvo obriga legal ou base xurídica que o lexitime e serán conservados unicamente polo tempo que legalmente corresponda. Poderá exercitar os seus dereitos de Acceso, Rectificación, Supresión, Oposición, Limitación e Portabilidade por correo postal á dirección propia da Corporación RTVG indicada no encabezado do contrato, ou mediante correo electrónico na dirección lopd@crtvg.es, en ambos casos xuntando copia do DNI. Tamén poderá presentar unha reclamación ante unha autoridade de control. 

Disposicións xerais

19.- Os concursantes ceden todos os dereitos de imaxe a Corporación Radio e Televisión de Galicia, S. A., así como todos os dereitos derivados da súa actuación, respecto á súa gravación audiovisual, a súa reprodución e comunicación pública por televisión, internet e demais medios coñecidos, para todo o mundo e ata a súa entrada no dominio público, e sen límite de pases, e os mesmos dereitos sobre a gravación previa de imaxes no seu ambiente persoal con amigos e familiares para ilustrar a presentación.

20.- Unha vez nomeado o xurado, os concursantes declararán non ter ningunha vinculación familiar ata o segundo grao de consanguinidade e afinidade con ningún dos membros que forman o xurado.

21.- A Dirección do Programa poderá,  no caso de causa maior e imposibilidade de asistencia de algún ou algúns dos membros do xurado, nomear un substituto ou substitutos que pasarán a formar parte do xurado, sempre coa mesma condición de non ter vinculación familiar cos concursantes.

22.- A Dirección do Programa resérvase o dereito de modificar ou suspender o concurso temporal ou definitivamente cando as necesidades de programación e audiencia así o aconsellen 

23.- A Dirección do Programa resérvase o dereito de expulsar ao concursante que incumpra estas bases ou que manifeste un comportamento pernicioso para o programa en calquera das fases do concurso. 

24.- A participación no concurso supón a plena aceptación destas bases. A súa interpretación ou calquera aspecto non previsto nelas será competencia exclusiva da Dirección do Programa.