CRTVG

Buscar

Concursos

Concurso Pregunta-Luar

O programa Luar da Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A., emitido a través da súa canle Televisión de Galicia, co desexo de premiar a fidelidade da súa audiencia, convoca unha nova edición do concurso PREGUNTA-LUAR. Así durante o transcurso do programa realizarase unha chamada a un número de teléfono previamente elixido e  a persoa que responda á mesma formularáselle unha pregunta sobre o contido do programa, se a responde correctamente esta persoa gañará o premio que se indica a continuación.

Mecánica do concurso

1)    Un notario seleccionará de forma aleatoria 800 números de teléfono das páxinas brancas da Comunidade Autónoma de Galicia e levantará acta da selección.

2)    A selección dos devanditos 800 números de teléfono, farase co criterio de reparto igualitario entre as catro provincias galegas (200 cada unha).

3)    A dirección do programa seleccionará en cada programa de forma aleatoria 20 dos números recollidos na acta notarial,  repartidos por provincias e chamarase pola orde rigorosa de lista para facer a pregunta sobre o contido do mesmo.

Os números de teléfono aos que se realice a chamada, contesten ou non á mesma, serán eliminados do listado recollido na acta notarial polo que non se volverá a chamar a eses números de teléfono en posteriores programas.

Os restantes números utilizados en cada programa e non chamados volverán á lista xeral.

4)    Se o primeiro teléfono seleccionado non contesta ou non acerta a resposta pasarase ao seguinte da lista ata que alguén acerte ou remate o tempo estimado para o concurso. O tope de tons de chamada será de 5. Se nun programa non existe ningún premiado o importe do premio acumularase ao da seguinte semana.

Duración do concurso

Desde o programa “Luar” do día 15 de setembro de 2017 ata o 20 de xullo de 2018.

As bases estarán publicadas durante a duración do concurso na páxina web da Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A.

Premio

A persoa que conteste correctamente á pregunta recibirá un premio de 500 euros cada semana ou o bote acumulado no caso de quedar deserto con anterioridade. Este importe está suxeito á correspondente retención do IRPF que establezan as normas fiscais.

A persoa que resulte gañadora deberá facilitar á Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A. os datos necesarios para proceder o aboamento do premio.

Protección de datos

De acordo co disposto na Lei Orgánica 15/1999 de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal, infórmase de que os datos de carácter persoal recollidos ao abeiro deste concurso serán incorporados a un ficheiro do que é responsable a Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A., con sede en Bando, San Marcos s/nº, 15820. Santiago de Compostela, co fin de resolver a xestión e difusión do concurso. Os interesados poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición dirixindo unha solicitude asinada por escrito ao Servizo de Informática da Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A., no enderezo sinalado, xunto cunha copia do DNI.

Disposicións xerais

1)    A Dirección do Programa resérvase o dereito de modificar ou suspender o concurso temporal ou definitivamente cando as necesidades de programación e audiencia así o aconsellen.

2)    A Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A. queda exonerada de toda responsabilidade en caso do mal funcionamento das redes de comunicación que impidan o normal desenvolvemento desta iniciativa por causas alleas a ela e especialmente por actos externos de mala fe.

3)    En caso de dúbida na interpretación do resultado do concurso, recorrerase ao exame exhaustivo das imaxes gravadas e, no seu caso, ao ditame da Dirección do Programa, que será vinculante para os participantes.

4)    En caso de controversia ou discrepancia derivada da interpretación destas bases prevalecerá o criterio da Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A.