CRTVG

Buscar

Zigzag Diario

Zigzag Diario Especial Paz Andrade

17/05/2012 15:25 h

 

O espazo cultural "ZigZag Diario" ofrece este 17 de maio, data da celebración das Letras Galegas, unha edición especial en que se trazará un percorrido vital do escritor, xornalista, político, xurista e empresario Valentín Paz Andrade.

O programa contará coa participación de intelectuais e personalidades de Galicia que explicarán a contribución do homenaxeado ao sentimento de galeguidade e que desenvolverán aspectos menos coñecidos da súa traxectoria humana.

Durante 30 minutos, "ZigZag Diario" abordará as facetas literaria, xornalística e empresarial de Paz Andrade. Os espectadores poderán coñecer o máis salientable da vida dunha personalidade intensa que traballou en todos os campos do pensamento e da empresa a prol de Galicia.

Para achegarse á súa figura, o espazo contará coas impresións e reflexións de seu fillo, Alfonso Paz Andrade; do presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín; de Xosé Díaz, fillo de Isaac Díaz Pardo; do presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; do escritor Víctor F. Freixanes, gran coñecedor da súa obra; e de Xan Carballa e Pedro Feijóo, estudosos da súa biografía.

O especial de "ZigZag Diario" neste Día das Letras Galegas rematará coa recuperación do arquivo da TVG dun documento histórico cunhas declaracións realizadas á canle autonómica por Valentín Paz Andrade pouco antes da súa morte.

 

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: