Zigzag diario
Zigzag diario (30/01/2012)
O programa “ZigZag Diario” achegarase hoxe á figura do escritor e político galego Celso Emilio Ferreiro, cuxo centenario se celebra este ano, da man de seu fillo, Luís Ferreiro, quen fará apuntamentos biográficos sobre o autor de “Longa noite de pedra”, falará do seu traballo como director da fundación que leva o seu nome e dos actos previstos durante este 2012 para conmemorar os 100 anos do nacemento desta figura imprescindible das letras galegas.
O espazo da tvG2 presentará esta tarde a reedición, realizada pola Deputación de Lugo, de “Muller para lonxe”, que recolle a poesía amorosa de Uxío Novoneyra entre os anos 1955 e 1985. A obra non só recompila versos de temática erótica e romántica senón que tamén reflicte outras constantes do poeta do Courel, como a paisaxe, a dor existencial, o clamor cívico ou a protesta.
Outra novidade literario da que dará conta “ZigZag Diario” é o libro infantil “Desaparizión”, de Pereledi, o tándem literario que une os talentos de Pere Tobaruela e Ledicia Costas. Editado por Everest Galicia, narra a misteriosa desaparición na cidade de Abecedaria da letra q, un feito que vai revolucionar toda a vida dos seus habitantes.
Por outro lado, os espectadores poderán descubrir hoxe a nova web poesiagalega.org, base de datos e repositorio dixital sobre a poesía no campo cultural galego nos últimos dous séculos, que aspira a converterse nun dos lugares de referencia para o estudo e a investigación da poesía e da literatura contemporáneas. Este proxecto de GAAP (Grupo Alea de Análise Poética) conta co apoio do Consello da Cultura Galega