CRTVG

Buscar

Zigzag Diario

Zigzag diario (26/12/2011)

26/12/2011 16:30 h

 

 Na súa edición dos luns dedicada aos libros, o programa “ZigZag Diario” recibirá hoxe a visita do director literario de Biblos Clube de Lectores, Tucho Calvo, quen falará do labor desta rede de lectura; da publicación da novela de Iria Morgade “Verbas no ar”, gañadora do Premio Biblos; e do seu traballo sobre Valentín Paz-Andrade, a figura central do Día das Letras Galegas de 2012.

    O espazo da tvG2 presentará esta tarde o novo poemario do autor ceense Estevo Creus, “Balea2”, onde mestura as olladas de nenos e anciáns. Resultado dunha colaboración co poeta e contacontos Celso Fernández Sanmartín, trátase dun libro para todos os públicos, con poemas de adultos para nenos e de nenos para adultos.

    Outra novidade literaria que destacará “ZigZag Diario” é “Diabolus in música”, de Manrique Fernández, que recolle as conversas que o autor mantivo con Rogelio Groba, servindo así para repasar a vida e a obra do compositor, considerado unha das figuras máis relevantes da música galega.

    Ademais, o programa presentado por María Solar ofrecerá unha reportaxe sobre a popularización dos book trailers, resultado da aplicación de técnicas propias da industria cinematográfica á promoción do libro. As novas tecnoloxías cambian as estratexias de mercadotecnia das casas editoriais, que buscan novos lectores coa promoción na Internet. “ZigZag Diario” achegarase aos book trailers que está a preparar o sector galego do libro.

         

 

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: