CRTVG

Buscar

Zigzag diario

Zigzag diario (23/01/2012)

23/01/2012 16:30 h

A edición que cada luns dedica “ZigZag Diario” á actualidade literaria e editorial terá hoxe como convidado o escritor Bieito Iglesias, quen lles presentará aos espectadores a súa nova obra, “Contos da terra da tarde”, onde debulla unha serie de asuntos relacionados coa actualidade como a eutanasia, a emigración, o racismo, a violencia, o turismo sexual ou a violencia. Estes e outros temas examínanse desde a ollada de personaxes excéntricas.

 Outra novidade da que hoxe dará conta o programa é “Santiagos de Santiago. Dos apóstoles al final del Camino”, unha obra do profesor Xosé Manuel García Iglesias que ofrece un percorrido pola iconografía do culto xacobeo en Compostela. Este volume, que se sumou ás actividades conmemorativas do 800 aniversario da consagración da catedral, presenta un percorrido completo polas figuras de Santiago o Maior e Santiago o Menor e a súa presenza e significación en Compostela ao longo dos séculos.

 O espazo da tvG2 tamén presentará o último poemario  de Pilar Pallarés, “Leopardo son”, que ve a luz 15 anos despois do seu anterior título, “Livro das Devoracións”, unha das obras máis celebradas e recoñecidas da poesía que se fixo nas últimas décadas en Galicia.

 Ademais, “ZigZag Diario” falará co profesor e crítico literario mindoniense Armando Requeixo, quen acaba de publicar unha biografía sobre o escritor e xornalista José Díaz Jacome que lle valeu o Premio Ánxel Fole, que distingue cada ano unha investigación sobre a figura dun intelectual lucense.

Atopar capítulo por: