CRTVG

Buscar

Zigzag Diario

Zigzag diario (19/12/2011)

19/12/2011 16:30 h

Un luns máis, “ZigZag Diario” dedicará hoxe parte do programa aos libros e presentará o libro-CD “Guía didáctica de instrumentos galegos”, en que Moisés Quintas presenta unha clasificación e descrición exhaustiva dos instrumentos galegos e das súas partes, coa súa etimoloxía, orixe e evolución. O autor visitará o estudio do programa para achegar todos os detalles dunha guía que se presenta como una ferramenta de apoio excelente para o ensino da música galega.

    O espazo da tvG2 tamén presentará unha das últimas novidades de Xerais, que edita “Historias de Oregón”, a obra de Diego Ameixeiras que gañou o Premio de Novela por Entregas de “La Voz de Galicia” e que o diario publicou durante o pasado mes de agosto a razón dun capítulo diario. Ambientada na cidade de Ourense, a novela cruza varias historias fragmentadas e situacións habituais dos informativos actuais, con protagonistas como brigadas antiincendios, malos tratos e negocios liberais.

    Por outro lado, “ZigZag Diario” ofrecerá unha reportaxe sobre o Congreso dedicado a Lois Pereiro que a Real Academia Galega organizou estes días para pechar o ano dedicado ao poeta monfortino e facer balance da gran repercusión que conseguiu a divulgación da vida e obra do escritor a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas. O programa analizará as conclusións dun congreso que se achegou ás claves secretas de Pereiro que aínda non foran descifradas.

    Ademais, o programa presentado por María Solar achegarase ao labor e ás últimas novidades da editorial coruñesa de banda deseñada Demo Editorial.
 


Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: