Zigzag diario
Zigzag diario. 3ª temporada (18/10/2011)
A artesá Elena Ferro, unha das escasas mulleres zoqueiras que quedan en Galicia, visitará esta tarde o programa “ZigZag Diario” para falar da súa mestura de tradición e deseño na realización de zocos galegos. O oficio chégalle a esta artista de Vila de Cruces por vía paterna e ela é a terceira xeración dunha estirpe de zoqueiros que mantén o pulso grazas á súa creatividade.
No programa de hoxe, dedicado como cada martes ás tendencias artísticas, tamén se falará de arquitectura. O espazo da segunda canle da Galega ofrecerá unha reportaxe sobre a rehabilitación realizada por Alfredo Sirvent dunha vivenda situada en plena zona vella de Vigo, que mereceu un premio do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e que participará na vindeira Bienal Española de Arquitectura.
“ZigZag Diario” tamén se achegará hoxe á moda retro e vintage de Nicanora, unha firma que ten como obxectivo crear prendas diferentes baseadas nas tendencias de épocas pasadas, fundamentalmente de hai 50 anos. Os espectadores da tvG2 poderán coñecer as propostas para o outono e o inverno dun selo que ofrece prendas de tiradas limitadas e mesmo exclusivas, feitas a medida e a man.
Finalmente, o espazo presentado por María Solar visitará na Galería Caroní, en Santiago, a exposición “Suleiman y Salúa”, un libro xigante con ilustracións do artista sirio Ali Ali. A historia é unha recreación fantástica das lembranzas de infancia do autor, con imaxes e debuxos moi coloristas e cheos de contrastes entre tons cálidos e fríos.