CRTVG

Buscar

Zigzag Diario

Zigzag diario (13/01/2012)

14/01/2012 16:30 h

O programa “ZigZag Diario”, dedicado como cada venres ás artes escénicas, terá hoxe como convidado o actor e compositor Hugo Torres, integrante de Voadora, unha compañía galega que desenvolve os seus traballos de investigación en creación contemporánea cunha importante compoñente musical, sorpresiva e evocadora. Voadora estrea esta noite no Salón Teatro de Santiago o seu novo espectáculo, “Tokio 3”, unha fábula musical que supón a última entrega da triloxía “Lugares Comúns”, que percorre presente, pasado e futuro como os tres estadios da construción da identidade.

 O espazo da tvG2 tamén conversará co vigués Lino Ferreira, director de “Torvaldo furioso”, unha obra mordaz, no fío do patético e do violento, da compañía El Óbulo Producciones, que disecciona unha hora crítica e determinante na vida dun matrimonio.

 Por outro lado, “Zigzag Diario” ofrecerá unha reportaxe sobre a compañía de orixe galego-portuguesa Elefante Elegante, nada en 2007 e que crea espectáculos de teatro visual baseados no xesto e no movemento. As súas creacións buscan a universalidade, xurdindo da fusión de diferentes linguaxes como o teatro físico, a danza, as artes plásticas e as artes visuais.

 Entre as obras que están actualmente en cartel, o programa recomendará “El Tiempo y los Conway”, unha montaxe dirixida por Juan Carlos Pérez de la Fuente e ambientada no período de entreguerras, que supón a adaptación da obra de J.B. Priestley sobre os estragos do paso dos anos nunha familia inglesa; e “Degoiro”, unha obra de dramaturxia experimental cun mosaico de voces fragmentadas que vagan por un mundo inhabitable na busca dun amor pleno que non chega nunca.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: