CRTVG

Buscar

Zigzag Diario

Zigzag diario (02/03/2012)

02/03/2012 16:30 h

Nunha nova edición de “ZigZag Diario” dedicada ás artes escénicas, María Solar conversará esta tarde coa actriz Marta Pérez, unha das integrantes do elenco de “Kamouraska”, unha proposta de corte contemporáneo e carácter asociativo de Inversa Teatro, que explora as claves do posdrama e elementos de creación colectiva. Pérez achegará os espectadores a este lugar mental onde as súas tres habitantes teñen a posibilidade de reinventar un universo con regras propias en que o xogo é rirse da infelicidade para ser feliz.

 O espazo cultural da tvG2 tamén se achegará á nova creación do coreógrafo Javier Martín, que hoxe estrea no Teatro Rosalía de Castro da Coruña “El Ansia”, unha poesía en movemento que ten como ingredientes a vaidade, a paixón, os prexuízos, a cultura e a dor. Martín ponse outra vez ao servizo da improvisación e do espectador, que ten o mando para mediatizar o resultado.

 En “ZigZag Diario” tamén se falará hoxe de “Alén da Croa”, unha historia baseada na tradición oral das lendas das mouras. Este espectáculo de Quique Peón sobre as diferentes linguaxes da danza, desde a tradicional galega ata a oriental e tribal, supón unha interpretación dunha parcela do noso imaxinario popular, da nosa cultura oral, levada a un escenario, por vez primeira, a través da danza.

 Ademais, o programa ofrecerá unha reportaxe sobre a participación da compañía Caramuxo Teatro no Feten 2012, unha das feiras máis importantes de teatro para nenos que se celebra en Europa, cuxa vixésimo primeira edición reúne estes días en Xixón máis de 60 compañías de diferentes países. A agrupación coruñesa porá en escena “Mensaxe sen botella”.

 

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: