CRTVG

Buscar

Aquí Galicia

XXVI Feira do Queixo de Friol e do Pan de Ousá

24/03/2018 16:30 h

Esta fin de semana celébrase a XXVI Feira do Queixo de Friol e do Pan de Ousá, oportunidade que aproveita “Aquí Galicia” para viaxar ata esta localidade lucense, onde se venderán uns 10.000 queixos e unhas 3.500 pezas de pan, dous produtos elaborados de xeito tradicional que combinan á perfección e que se enxalzan nunha cita que fai xa 26 anos.

O programa lévanos a coñecer unha queixería e explotacións gandeiras que destacan en canto a avances técnicos e coidado dos animais.Ademais, percorremos algúns dos lugares máis turísticos de Friol e da súa contorna, entre os que destaca a Torre de San Paio de Narla, co seu Museo Etnográfico e da Historia. Os lugares naturais con máis encanto da zona, como a Cova da Serpe e o Muíño e a Fervenza de Candaide, tamén recibirán a visita do programa.

O concello de Friol destaca tamén no eido do deporte. “Aquí Galicia” acompaña os membros do Club de Atletismo nos seus adestramentos e coñece todos os equipos de fútbol da zona: o veterano, o de rapaces e o feminino. O programa fala do Friulio, unha das festas de Friol de creación máis recente, dedicada ao mundo romano. 

No apartado gastronómico, como non podía ser doutro xeito, o programa conta cunha mesa dedicada ao queixo de Friol e ao pan de Ousá, os protagonistas da feira gastronómica. Tamén se degusta porco celta, un dos produtos máis destacados da comarca, e mel, xa que Friol é un gran produtor deste derivado apícola.

Poñen a música o grupo de Fuerteventura Bomba, que vén en primicia ao programa a presentar a súa xira de verán, e a cantante Nerea, natural de Friol. Tamén sobe ao escenario a parella de bailes latinos formada por Jandro e Magali, dous bailaríns lugueses que son os actuais campións de España de bailes caribeños.

Atopar capítulo por: