CRTVG

Buscar

Sopa de festa

XLV Festa do carneiro ao espeto de Moraña

28/07/2014 22:30 h

Un luns máis volve mesturarse a gastronomía, a festa e o turismo da man do programa da Televisión de Galicia “Sopa de Festa”. Unha nova edición en que as cámaras do programa achegaranlles aos espectadores unha das exaltacións gastronómicas con máis sona da nosa comunidade. Hoxe, a vila de Moraña será a protagonista poque celebran a Festa do Carneiro ao Espeto.

Desde hai 45 anos, o último domingo do mes de xullo, a carballeira de Santa Lucía, en Moraña, congrega a familias, amigos e visitantes para vivir esta celebración, unha cita gastronómica de gran repercusión en Galicia, declarada de interese turístico e moi peculiar como comprobarán hoxe os espectadores da TVG. 

Os reporteiros de “Sopa de Festa” achegáronse ata Moraña a primeira hora da mañá para non perder detalle desta gran festa e, sobre todo, da preparación dos carneiros para o seu asado. Para iso, o equipo falou polo miúdo cos organizadores e colaboradores encargados de asar máis de 100 carneiros para o gran xantar.

Doutro lado e sen perder a esencia gastronómica do programa, o equipo de “Sopa de Festa” tamén se achegou ata un restaurante da vila para ofrecerlles unha receita de carneiro dun xeito máis sofisticado, como son uns chupa chups de carneiro.

Atopar capítulo por: