CRTVG

Buscar

Aquí Galicia

Xinzo de Limia

24/01/2015 16:30 h

Recoñecido como evento de Interese Turístico Nacional, o Entroido de Xinzo, un dos vértices do triángulo máxico ourensán, pode presumir de contar co ciclo festivo máis longo de toda España. Un ciclo que comeza hoxe mesmo, co “petardazo” no reloxo da praza do Concello, que ensaiarán desde este emprazamento os presentadores de “Aquí Galicia”.

O espazo da TVG contará coa presenza de pantallas, o personaxe principal do Entroido de Xinzo, que posúe unha gran vistosidade na súa indumentaria e movementos, batendo as características vexigas e animando a festa ao son das campás e axóuxeres.

O programa tamén estará cos encargados de preparar a fariña que mañá se lanzará no popular Domingo Fareleiro, unha celebración pagá en que a fariña se converte nunha arma de batalla para deixar totalmente revestidas de branco as rúas da localidade e os veciños e visitantes. Ademais, coa axuda do público asistente, o equipo de “Aquí Galicia” escenificará o Domingo Oleiro, outra das grandes citas do Entroido de Xinzo, que se celebra a semana que vén.

Por outro lado, polo set de “Aquí Galicia” pasará tamén o reposteiro local José Antonio Lorenzo, que lle porá o toque doce a esta tarde de xaneiro cunha degustación de varias sobremesas típicas destas datas: as orellas, a torta do Esquecemento e a bica da pantalla.

Se por algo se caracteriza a festa máis coñecida de Xinzo é pola constante animación musical, algo que non faltará hoxe no espazo presentado por Lucía Rodríguez, Bernardo Montaña e Rodrigo Vázquez, que ofrecerá as actuacións da orquestra portuguesa Setor Públiko, da Banda de Gaitas de Xinzo, do grupo de baile tradicional Candaira, do grupo de gaitas Foliada, do coro tradicional Aimil, do grupo de baile da Asociación de Mulleres Santa Baia e dos membros da Academia Colectivo Danzón.

Ademais, “Aquí Galicia” continuará esta tarde co concurso iniciado o sábado pasado, que agasallará cada semana os espectadores con 1.000 euros. Esta cantidade repártese do seguinte xeito: cada sábado darase un premio semanal de 500 euros e os outros 500 euros restantes pasarán a engrosar un bote que se sorteará o derradeiro sábado do mes. Para poder concursar só hai que chamar ao número de teléfono 905 56 56 56 ou enviar unha sms coa palabra AQUI ao 23000.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: