CRTVG

Buscar

Galegos no mundo

Programa 80: Xenebra

07/10/2014 23:30 h

O programa “Galegos do Mundo”, que a partir desta semana asenta o seu día de emisión nos martes, viaxa esta noite a Xenebra, a capital do cantón do mesmo nome en Suíza e a segunda cidade máis poboada do país despois de Zúric. Sede de máis de 250 organizacións non gobernamentais, é chamada a “capital da paz” e en 2009 foi nomeada a terceira cidade con maior calidade de vida do mundo, pero tamén é das dez máis caras.

En Xenebra, o espazo da TVG coñecerá o compostelán Xabier Cid, que, tras rematar o seu doutoramento, conseguiu unha praza como investigador no prestixioso CERN. Ano e medio despois, acompaña o equipo de “Galegos no Mundo” á zona vella, onde os espectadores poderán gozar coas vistas desde a catedral de San Pedro.

Con Andrés Muíño, que deixou Santa Comba aos 15 anos para buscar un traballo e acabou sendo o propietario dunha empresa de servizos, o programa descubrirá a altísima fonte de Lago Lemán e paseará por Quai Gustave; mentres que María Pulleiro, que fixo as maletas con 16 anos, amosará o mercado Plainpalais e proporá facer unha excursión en barco polo lago.

“Galegos no Mundo” tamén estará co cariñés José Manuel Cal, que chegou á cidade hai 25 anos e que agora traballa como supervisor no aeroporto internacional de Xenebra; e con Roberto Nieto, que chegou hai un ano en busca dun futuro mellor e que fará de “cicerone” pola praza das Nacións e polo barrio de Carouge.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: