CRTVG

Buscar

Vivir aquí

Vivir aquí (22/07/2012)

22/07/2012 15:30 h

Disque no Cebreiro todo o mundo fala tres idiomas: o galego, o castelán
e o do “dedo”. E iso que se conta do Cebreiro pódese dicir de todos os
camiños de Santiago que percorren Galicia. Comprobámolo unha vez máis
nesta nova entrega de Vivir aquí, “ Os outros camiños”. Nos camiños todo o
mundo se entende, fale a lingua que fale.
Comezamos o noso percorrido cos peregrinos que andan polo Camiño
portugués nun deses días de verán no que caían chuzos de punta. Despois,
pegamos un salto cara ao norte e en Bruma, no punto de encontro do Camiño
inglés desde Ferrol e A Coruña, gravamos todo o ritual da chegada dos
peregrinos a un albergue.
É que un albergue é moito máis ca un lugar para durmir ou ducharse.
Preto de Bruma, en Baamonde, no Camiño do norte, fomos testemuñas de
como un albergue cambia a vida de todo un lugar desde os bares e
restaurantes ata os estancos. Por certo, dixéronnos que os holandeses e
os alemáns son os que máis fuman.
Outra historia nos albergues que puidemos seguir de primeira man foi en
Vilar de Barrio, na Vía da prata ou Camiño sanabrés. Unha ruta menos
frecuentada pero onde todo ten unha intensidade emocional se cadra maior
ca noutros lugares.
Pechamos este novo capítulo de Vivir aquí en Fisterra, esa nova
extensión dos camiños de Santiago, onde os peregrinos buscan o final
da terra e simbolizan o seu renacer cun baño nas augas do Atlántico.
Son os outros camiños.

Atopar capítulo por: