CRTVG

Buscar

Vivir aquí

Vivir aquí

09/10/2011 15:45 h

O programa das historias anónimas e as máis singulares que se poden atopar en Galicia segue hoxe as persoas que chegaron á nosa terra por amor, fuxindo dalgún perigo, na procura dunha mellor vida e tamén para estudar ou traballar.  Como parte deste complexo mundo global, o equipo do programa atenderá cada un destes protagonistas, coa súa única e irrepetible historia, que lles contarán aos reporteiros do programa, sen saber responder se algún día volverán á súa terra ou quedarán connosco.

     Un dos primeiros casos de estranxeiros en Galicia que aparecerá no programa é o de Tuula Ahola Rissasen, unha finesa que namorou dun músico do Morrazo e veu para unha Galicia ben distinta á actual, hai 30 anos; Damir Arónov, a muller Elvira e o seu irmán Roberto que viñeron de Rusia ata á Coruña, buscando unha saída á súa arte, aínda que agora traballe na construción; e Hossin Ahmed Thandu, de Bangladesh, que traballa en Cambados facendo kebabs nun restaurante.

    Na contorna da Universidade, en Santiago, o equipo do programa atopa toda unha ONU en miniatura, con personaxes como Anik Nandi, sociolingüista de orixe bengalí, ou a súa colega Wyktoria Grygierzec, de Polonia, que son auténticos embaixadores do galego por todo o mundo.

   Algunhas destas historias de emigrantes recordan tamén as dos galegos que viven co corazón dividido entre a terra natal, onde quedou a familia, e o país de acollida que lles deu unha oportunidade, como lles ocorre a Zahra Bouhra, de Marrocos, que chegou hai tres anos á Coruña, e a Adriana Moisachi, de Romanía, que vive en Santa Comba.

Atopar capítulo por: