Sabemos cales son os sabores do outono, cando queren volver o frío e a chuvia e a natureza vai cambiando de cor? Pois iso é precisamente o que nos vai reflectir hoxe o equipo de “Vivir Aquí” para transmitirnos cales son as cores das árbores, arrecendos e costumes que se botan de menos nesta época do ano.
Un dos primeiros pasos para internarnos no outono é poñerse ao día nunha das tarefas propias deste tempo, a caza, así que os reporteiros van conseguir un equipo axeitado, valorado nuns 1400 euros, para poder seguir os cazadores nunha xornada de caza do xabaril, en Pazos de Borbén, onde baterán unha boa peza.
Na procura doutras cores e arrecendos deste outono, o equipo de “Vivir Aquí” tamén vai desvelar un segredo a voces que moitos xa intuían, porque a mellor fabada do mundo non se fai en Asturias, senón na patria da mellor faba, Lourenzá. Por outros camiños dos sabores por excelencia desta época, os reporteiros atópanse coa castaña, visitando o dominio dos maiores magostos de Galicia, os do San Martiño, en Ourense, e os cogomelos, que non tiveron boa temporada pola falta de chuvias pero que, como veremos, quen insiste en buscar, atopa.
