CRTVG

Buscar

Aquí Galicia

Valença do Miño

23/05/2015 16:30 h

O programa “Aquí Galicia” ofrecerase hoxe en directo desde Portugal. O espazo da TVG cruza de novo de novo a raia para visitar o país veciño, neste caso a localidade de Valença do Miño, coñecida polo seu castelo, considerado a maior fortaleza do Alto Miño, con 5 quilómetros de perímetro amurallado. Na actualidade está dedicada ao turismo, sendo un dos maiores centros comerciais abertos de Europa.

En Valença, os espectadores coñecerán as nove aspirantes a representar a Galicia no certame Miss Internacional. As candidatas realizarán dous desfiles, un con roupa de baño e outro con traxe de gala. Só unha delas será Miss Internacional Galicia, o que lle dará dereito a participar no certame a nivel español.

Por outro lado, “Aquí Galicia” coñecerá de preto a figura das “trapicheiras”, esas mulleres de Tui e de Valença que hai anos, cando aínda existían as fronteiras, sobrevivían de “trapichear”, é dicir, de levar produtos de xeito ilegal dunha zona a outra agochados baixo os seus vestidos e traxes.

No apartado gastronómico, os espectadores da TVG terán ocasión de achegarse un pouco máis á rica gastronomía lusa, coa degustación de pratos tan típicos do norte de Portugal como o caldo verde, considerado a sétima marabilla gastronómica do país, o bacallau e sobremesas como os pasteis de arroz ou os pasteis de Belém.

Ademais, o programa descubrirá como en Portugal, ao igual que en Galicia, tamén celebran a Festa dos Maios e aprenderá un pouco máis sobre esta tradición popular, tan arraigada a un e ao outro lado do Miño.

“Aquí Galicia” cruzará de volta o río para falar no porto deportivo de Tui con Iván Alonso, proclamado a fin de semana pasada campión de España na modalidade K1 e K2 de maratón de kayak.

Finalmente, como non podía ser doutro xeito, o programa presentado por Lucía Rodríguez, Bernardo Montaña e Rodrigo Vázquez contará cunha ampla oferta musical, en que destacan a orquestra Funçao Pública, unha das mellores formacións orquestrais de Portugal, que xa está a conquistar desde hai un par de anos as verbenas de toda Galicia, grazas aos seus ritmos trepidantes; e da inigualable artista galega Sabela, que, entre outros temas musicais, ofrecerá unha peculiar adaptación dos clásicos de Rafaella Carrá.

A orquestra canaria Kyoto Latino; o grupo de música e canto tradicional Lirolai, do Rosal; o grupo de música tradicional Lembranzas da Terra, de Tui; a formación de treboada Amigos do Bombinho, de Valença do Minho, e o grupo de danza moderna Adeixa, completan as actuacións musicais deste sábado.

Atopar capítulo por: