CRTVG

Buscar

Un mundo de nenos

Un mundo de nenos. Capítulo 1: "Os nenos, así somos"

01/10/2011 20:00 h

Gozar, aprender e divertirse en forma de espectáculo en que os rapaces son os protagonistas é o que persegue  “Un mundo de nenos”, o novo programa de entretemento familiar da Galega, que vai descubrir a visión particular que teñen sobre a vida os máis pequenos da casa. Presentado por María Mera, coñecida polo público polo seu papel na serie “Matalobos”, o novo espazo seguirá o ritmo vertixinoso das relacións entre o mundo dos adultos e o da mocidade, dando pé a debates e entrevistas, pero cun marcado ton de espectáculo.

Cun carácter didáctico, en que os nenos aprenderán sobre diferentes temáticas coma a natureza, a saúde, a música  ou o deporte, “Un Mundo de Nenos” ten vocación de espectáculo, xa que os máis pequenos da casa terán ocasión de amosar as súas aptitudes musicais, coreográficas e artísticas en xeral. Así, no programa formaranse dous grupos musicais, un “Pura dinamita”, composto por nenos, e The Xoubas, composto por adolescentes, que traballarán en conxunto para ofrecerlle ao público tanto versións de temas moi coñecidos coma composicións orixinais.

Cada sábado á noite acudirán ao estudio do programa arredor de 150 persoas de público, das que case a metade serán nenos, para gozar, aprender e divertirse. Así, no primeiro programa, “Os nenos, así somos”, o debate e os vídeos  gravados polos colexios de toda Galicia xirarán sobre a definición que eles fan de si mesmos: o mellor e o peor deles; a relación cos pais; os momentos do día e o que lles gusta menos aos rapaces, son algunhas das visións que se reflectirán no programa. Para opinar deste tema como pais, Toñito de Poi e María Solar estarán no estudio coas fillas, Uxía e Aldara, respectivamente.

A segunda parte do programa dedicarase á temática “Un mundo de cine” e contará coa presenza de profesionais do medio, o coñecido actor Luís Zahera pero tamén o novo actor galego, Airas Bispo, que con só 14 anos acaba de gravar unha película no papel protagonista, xunto a Silvia Marsó, Carlos Iglesias, Carlos Larrañaga, Mariola Fuentes e María Galiana, e tamén estará no estudio un director de cine de tan só 12 anos, Héctor Rodríguez. 

Atopar capítulo por: