Luar
Tempo de máscaras, con Georgie Dan e Xil Ríos
O Entroido xa chegou a “Luar”, que esta noite comezará a quentar motores para a que sen dúbida é unha das celebracións máis destacadas do calendario festivo galego. O espazo da TVG interesarase hoxe por algúns entroidos da nosa comunidade non moi coñecidos, pero que que destacan pola súa singularidade e vistosidade. Así, os espectadores poderán coñecer o Entroido da comarca da Ulla, famoso polos seus Xenerais, o de Arcos de Mazaricos, o de Mormentelos, o de Val de Francos, e tamén o da localidade leonesa de Llamas de la Ribera. O programa afondará nas tradicións destas celebracións e amosará as súas orixinais máscaras.
A festa que preparou “Luar” para este venres estará amenizada pola música do popular cantante francés, residente en España, Georgie Dann. Este artista, querido pola súa simpatía e sinxeleza e coñecido como o rei da canción do verán, logrou que medio mundo baile todos os anos ao ritmo das súas cancións. Dann será tamén o encargado de despedir este programa especial de Entroido co popular “Carnaval Carnaval”.
O espazo presentado por Xosé Ramón Gayoso e Lucía Regueiro tamén recibirá a visita do cantautor, cantante e compositor Xil Ríos, considerado unha lenda viva da cultura galega. Responsable de numerosos éxitos populares, no seu repertorio figuran algunhas das cancións máis emblemáticas da música galega contemporánea.
O programa ofrecerá tamén as actuacións da Asociación Folclórica Seixebra e de Os Cuncheiros.
Por outro lado, hoxe comeza a terceira fae do concurso “Recantos”, onde hoxe probarán sorte Luci, representante de Ourense Oriental; e Elena, procedente da comarca de Arousa. Finalmente, no “Vai de Gaita” infantil, esta semana será a quenda de Iago Bouzada e Daniel Castiñeiras.