CRTVG

Buscar

Alalá

Tahúme de Olveira

02/06/2008 22:05 h

Neste Alalá visitamos as terras do Barbanza. En Olveira, no concello de Ribeira, hai unha asociación de nome Tahume, que ten unha traxectoria de moitos anos na zona. Esta Agrupación de baile e música tradicional dedícase a recuperar as tradicións mais características.

Nesta comarca hai moi bos bailadores, como Juan de Martís, que ten un xeito de moverse que “repenica todo o corpo”. Tamén moi boas tocadoras de pandeireta como Hortensia e Josefa; do seu xeito de tocar hai que facer referencia ao ritmo da muiñeira, que o marcan cambiando de man igualiño que si tocaran un pandeiro.

Estaremos nos concellos de Ribeira e Porto do Son, nas parroquias de Baroña e Axeitos; descubrirémos a vida dos nosos maiores, como pasan o seu tempo nestas aldeas situadas en paisaxes naturais e tesouros prehistóricos.

Por suposto tamén saberemos como traballan os mozos e mozas da Asociación Tahúme. Hai anos non había neno do lugar que non bailara ou tocara algún instrumento. Na actualidade, volveuse recuperar o entusiasmo e así deron con informantes que son verdadeiros tesouros. Fran Sieira é o novo director deste grupo de baile e comprobaremos como un mozo tan novo, dedica o seu tempo libre á recuperación e ensino da cultura tradicional. Para fomentar o folclore unha das rapazas de Tahume, Susana, que dirixe o bar da Asociación, organiza uns seráns- foliadas que son impresionantes. A estas foliadas vai toda a familia e o ritmo é frenético.

Repasaremos os momentos máis felices duns protagonistas que recordan as fiadas, muiñadas e todas as festas as que ían. Destacamos a Juan de Martís, co seu porte e elegancia á hora de bailar e a gracia na voz e no xeito de tocar de Hortensia e Josefa. Pero xa hai relevo para un futuro, calquera dos rapaces de Tahume, poden dentro duns anos conmovernos o corazón.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: