CRTVG

Buscar

Luar

Sergio Dalma e Lucía Pérez

13/12/2013 22:00 h


O cantante Sergio Dalma visita hoxe o programa “Luar” para presentarlles aos espectadores galegos o seu novo disco, “Cadore 33”. Ao longo dos case 25 anos que leva na música, o artista catalán soubo conectar cos sentimentos de toda España, nunha viaxe chea de cancións, sentimentos e moita emoción. Agora, co disco número 16 da súa carreira, Sergio Dalma ofrece un traballo repousado e dedicado por completo ao amor, ao que poucos lle cantan coma el.

 O “Luar” desta noite, onde se falará da diferenza entre a nosa hixiene de hoxe en día e a que se practicaba antigamente, contará tamén coa actuación da cantante galega Lucía Pérez, que está a promover o seu último traballo, “Cruzo los dedos”, onde se inclúen os temas máis recorrentes da súa carreira discográfica. Ademais, a artista do Inicio unirá a súa voz á de Sergio Dalma para cantar unha versión moi especial de “Yo no te pido la luna”.

 Como é habitual, a música tradicional galega non faltará á súa cita, representada desta volta pola Banda de Música de Rábade-Begonte, a Cuadrilla de Reiceiros de Toques, as Pandeireteiras do Bando Rabudo e a Agrupación Folclórica da Pastoriza.

 Ademais, o espazo da TVG ofrecerá este venres unha nova edición do concurso “Vai de Gaita”, do que hoxe serán eliminados dous participantes. Denís Rodríguez, David Boo e José e Daniel Feal loitarán por seguir no concurso. Xa no tempo de “Recantos”, os espectadores asistirán a un novo duelo de voces no escenario, neste caso entre David Fanego, representante da comarca da Terra Chá, e Roko, procedente de Terras do Eume.

Atopar capítulo por: