CRTVG

Buscar

Especial

San Xoán

24/06/2014 22:15 h

Lume, lendas, ritos, tradición, sardiñadas e, sobre todo, moita festa. Así celebrou Galicia un ano máis a máxica noite de San Xoán, coa que se lle dá a benvida ao verán e se espantan os meigallos. A TVG repasará esta noite o acontecido nesta data tan especial, que se celebra na comunidade desde tempos inmemoriais.

  Así, o “Especial San Xoán” que ofrecerá a canle autonómica estará presente nalgunhas das celebracións galegas máis emblemáticas, como é a da Coruña, declarada Festa de Interese Turístico Nacional, que congrega milleiros de persoas nas praias de Riazor e do Orzán para vivir a queima da falla, arredor da cal se organizan centos de lumeiradas.

O especial da Televisión de Galicia tamén estará na lumeirada máis representativa das Rías Baixas, a da praia de Panxón, na localidade de Nigrán, a onde a noite de San Xoán acode xente desde Vigo ata A Guarda. O momento principal é cando se prenden as fogueiras e comeza a verbena coas orquestras convidadas.

Aínda que o San Xoán ten especial raizame no litoral galego, tamén o interior de Galicia celebra esta festa por todo o alto. Así, o programa desprazarase á provincia de Lugo para vivir as festas grandes de Sarria, onde, ao contrario doutros lugares, o típico non son as sardiñas, senón que o acto principal é a torresmada e a chourizada, antesala ao prendido da fogueira e dos fogos de artificio.

Este percorrido polas principais festas de San Xoán deterase tamén en Santiago de Compostela, onde a cidade vella se enche de cacharelas en que participan milleiros de persoas para degustar as sardiñas que se reparten entre os asistentes e para saltar o lume.

Ademais, o “Especial San Xoán” da TVG achegarase á parroquia de Berres, no concello da Estrada, exemplo do San Xoán máis auténtico, en que a festa transcorre nunha gran carballeira ao carón do río.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: