CRTVG

Buscar

Aquí hai praia

San Francisco de Muros, o Orzán e A Lanzada

22/07/2016 00:20 h

O programa visita as praias de San Francisco, en Muros; o Orzán, na Coruña; e A Lanzada, no Grove. A praia de San Francisco é un paraíso para veraneantes non só de Galicia, senón do resto de España. Xunto ao de Ancoradoiro, é un dos areais máis concorridos do municipio,  xa que, ás súas espectaculares condicións naturais, se une unha área de frondosos piñeirais equipados con fontes e asadores para preparar comidas campestres. Ademais, conta con dous cámpings. O lugar no que se atopa coñecíase como Lugar de Fomento, denominación cuxa orixe está nas tres fábricas de salgadura que estiveron instaladas alí. 

A praia de Orzán, na Coruña, é un dos areais máis frecuentados da cidade. Ten forma de cuncha e atópase ao pé do paseo marítimo. Ademais, é apta para todo tipo de deportes de pelota para praia, coma o volei, pero tamén para practicar surf debido a súa forte ondeada. Integra un conxunto coa praia de Riazor, da que se atopa separada polo dique da Coiraza, que conforman os restos da antiga muralla da Peixaría.

A Lanzada é unha das primeiras que obtivo a Bandeira Azul dos Mares Limpos de Europa en Galicia. Conta con máis de dous quilómetros de areal a mar aberto e un paseo de madeira, que permite a bañistas e visitantes osixenar o corpo e avivar o espírito en calquera época do ano. 

 

Atopar capítulo por: