CRTVG

Buscar

Zigzag Diario

Rosario Sarmiento, Prego de Oliver, obradoiro 'Con barqueira e remador' e OUFF

18/10/2016 21:00 h

“ZigZag Diario” ofrece unha entrevista a Rosario Sarmiento, comisaria da mostra “Mulleres do Silencio. De Maruja Mallo a Ángela de la Cruz”, que se inaugurou a semana pasada no Marco de Vigo. Este proxecto presenta unha revisión ou relectura actualizada da exposición “A arte inexistente”, comisariada tamén por Sarmiento, que en 1995 reunía obras de mulleres artistas en Galicia no século XX. A mostra, que reúne preto dun cento de obras, percorre diferentes xeracións de artistas ata chegar a aquelas creadoras que acceden por primeira vez en Galicia a unha formación académica.

O espazo da tvG2 tamén nos presenta o proxecto “Prego, 100 anos”, co que Ourense celebra o centenario do nacemento do pintor Prego de Oliver e achega o legado e a traxectoria do artista ourensán a todos os sectores da cidade. A mostra desenvólvese en tres espazos expositivos distintos e tamén conta con obradoiros didácticos, conferencias, publicacións, etc.

Outra reportaxe lévanos á Illa de San Simón, onde se traballa no obradoiro internacional de tradución poética 'Con Barqueira e remador', que chega á súa quinta edición.

Tempo para o cine, aproveitando a presentación da edición número 21 do Festival internacional de Ourense, OUFF, que comeza o 28 de outubro.

Ademais, como fai durante toda esta semana, “ZigZag Diario” préstalle atención ao Womex 2016, a feira internacional da world music, que reúne en Santiago máis de 300 músicos de 40 países. O programa ofrece unha reportaxe sobre a participación de músicos galegos na edición deste ano.

 

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: