Despois de que nas urnas lle desen a vitoria a Mariano Rajoy e ás súas promesas de cambio para formar un novo goberno, os reporteiros analizarán hoxe o novo escenario político que se abre, para o partido vencedor, o PP, coa maioría absoluta que lle outorgan 186 deputados, e cun PSOE obrigado a reflexionar na procura dun líder; pero sobre todo un novo escenario, en que políticos e analistas se esforzan para diagnosticar a etapa que agora comeza, baixo a responsabilidade de lidar coa grave crise económica que vivimos.
Cambiando de asunto, o programa informativo semanal, que presenta Encina Ramos, analiza tamén unha das peores lacras da nosa sociedade, a violencia de xénero, resaltando o traballo arreo de terapeutas, educadores sociais e psicólogos, que loitan a cotío contra eses círculos de violencia, que marcan tamén física e psicoloxicamente os fillos das mulleres maltratadas.
E para facernos ver que os artistas de grande altura tamén son humanos, os reporteiros compartirán con nós unha tarde de ensaios co Balé Nacional de Cuba, antes da súa actuación no Teatro Colón da Coruña, unha das compañías máis prestixiosas do mundo que remata a próxima semana a súa xira de case tres meses polos escenarios españois.
