CRTVG

Buscar

Reporteiros

Reporteiros (26/05/2012)

26/05/2012 20:15 h

   Esta semana os equipos de “Reporteiros” volven abranguer nunha reportaxe o tema da prima de risco que segue a ser a espada de Damocles que pendura sobre o estado de saúde da economía española. Entre os motivos están unhas contas publicas que tiveron que ser novamente revisadas polos desfases de Madrid e de Valencia pero tamén a situación do sistema financeiro que provoca unha nova reforma, a chegada de auditores estranxeiros e mesmo a nacionalización de Bankia. España, da man de Francia, solicita como antídoto a intervención do Banco Central Europeo. Sen embargo o último cumio dos líderes europeos só constatou a división entre dúas correntes: os que se arriman ás alternativas presentadas por Hollande e os seguidores da ortodoxia
alemá.

    Noutra das reportaxes deste sábado mesturaranse os protagonistas reais da comuna hippie de Negueira de Muñiz e os protagonistas da última historia de ficción de Ignacio Vilar, “Vilamor”. A finais dos 70 un grupo de mozos decidiu ocupar unhas vilas abandonadas coa ilusión dun sistema de vida alternativo baseado no compartir, hoxe esas mesmas vilas sobreviven grazas aos herdeiros desta comuna, verdadeiros amantes da natureza.

Para rematar a presente edición de “Reporteiros” falarase do  Obradoiro Blusens Monbus de baloncesto, un equipo que malia non conseguir ningún título alcanzou un éxito sen paliativos, co menor orzamento da Liga, cos xogadores máis veteranos, representando á cidade máis pequena pero arroupados pola afección máis quente do campionato, logrou a permanencia na segunda mellor liga de baloncesto do mundo. Sen embargo aínda lle queda un partido moi complicado, xa que desde o luns pasado o Obradoiro busca case 2 millóns de euros para se converter en Sociedade Anónima Deportiva. De non conseguilos non poderá continuar na Liga Endesa.

Atopar capítulo por: