Reporteiros
Achegámonos aos sectores máis afectados pola suba do IVE, do estrés na banca e coñecemos a historia de Neneta Herrero
“Reporteiros” achégase aos sectores máis afectados pola suba do IVE, entre eles a cultura, as funerarias ou os salóns de peiteado, que sufriron un incremento de 13 puntos. Falan representantes da automoción e do turismo, dous sectores estratéxicos en Galicia, consumidores e expertos en economía e consumo.
O programa tamén se ocupa do estrés na banca, xa que a falta de financiamento lastra o presente e o futuro das empresas, moitas delas obrigadas a pechar. Os expertos coinciden na necesidade urxente de que flúa o crédito á economía e para que isto aconteza, a banca, sobre todo a nacionalizada, está en pleno proceso de saneamento.
A última reportaxe tamén ten que ver coa economía, pero dun xeito moi distinto. A protagonista é Neneta Herrero, unha prexubilada de Caixanova, viaxeira e comprometida, que descubriu nunha viaxe á India que basta entusiasmo e decisión para axudar os máis desfavorecidos. Neneta reconstruíu un edificio para acoller nenos e nenas saídos da extrema pobreza, creou unha ONG para revestilo de legalidade e hoxe en día mantén escolarizados 340 cativos.