CRTVG

Buscar

Un día con

Lucía Pérez, David Cal, Luís Iglesia, Roberto Vilar, Lucía Pérez, David Cal e Iago Aspas

22/12/2012 23:45 h

Volver ás orixes sempre esperta sensacións. A alegría de ver o lugar onde un naceu, o reencontro cos vellos amigos, rememorar lugares e vivencias do pasado, emocionarse cos antigos sabores e olores... Isto é o que pretende o programa “Un día con…”: volver da man dalgúns dos personaxes máis famosos de Galicia aos seus lugares de orixe para vivir con eles todas esas sensacións que soamente nunha viaxe así se poden espertar.

Este especial da TVG, dirixido por Xosé Manuel Martín e conducido por Paula Señarís e Alicia Lombán, acompañará a cantante, presentadora e representante de España no Festival de Eurovisión 2011, Lucía Pérez, no seu regreso a súa aldea natal de Goó, no concello do Incio. Alí, os espectadores descubrirán como foron os seus inicios no mundo da música, cando, de moi cativa, subía cantar ao escenario da orquestra Marca.

“Un día con...” encontrarase tamén co deportista olímpico español máis laureado de todos os tempos, David Cal, que amosará a súa vida en Cangas. Na ría de Vigo lembrará os tempos en que, de pequeno, empezaba no deporte do remo e tamén as súas aventuras de colexio. Luís Iglesia, o protagonista da serie da TVG “Matalobos”, será outro dos convidados a este programa. Con el, o programa desprazarase ata o concello lugués de Riotorto, onde vivirá momentos entrañables da man daqueles que o viron nacer e medrar.

Os seus tempos de pícaro na mariña luguesa serán tamén o eixo da viaxe do actor e presentador Roberto Vilar pola vila luguesa de Xove. Lembrará a súa infancia nesas terras que lindan con Irlanda ata o seu paso polo seminario, antes de se converter nun dos rostros máis famosos de toda Galicia.

O programa visitará, por último, a vila de Moaña. Da man de Iago Aspas, os espectadores poderán entrar no deambular da pequena vila do Morrazo e do xogador do R.C. Celta, que transcorre a camiño entre a grande urbe de Vigo e a tranquilidade da súa pequena vila natal.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: