CRTVG

Buscar

Ribeiras

Cedeira e Betanzos

08/06/2014 20:00 h

A TVG continúa cunha nova edición do programa “Ribeiras”, contando a historia das xentes que viven e traballan nas vilas mariñeiras, nos portos e nos peiraos galegos. Nesta ocasión visitará dúas ribeiras con historias ben singulares: Cedeira e Betanzos.

En Cedeira agarda Serxo Cés, cuxa vida transita entre o seu traballo de percebeiro e o de músico. O mundo do mar sempre foi moi musical e no caso de Serxo isto maniféstase de xeito moi contundente. Realmente el é antes músico ca home de mar, pero agora estas dúas facetas establecen unha simbiose perfecta. Serxo é compoñente do grupo de música tradicional Os Cempés, unha banda espontánea nas súas formas, que contribúe co seu traballo a conservar e facer evolucionar unha das manifestacións máis ricas da cultura galega.

A outra ribeira está bañada por un río, o Mandeo. Trátase de Betanzos, onde os espectadores asistirán ao traballo de facer realidade un soño. Javier Naveira e Rafa Lage reflotaron un barco afundido no río e agora están a traballar na súa reconstrución, coa idea de dedicalo a facer rutas turísticas. Ambos os dous falarán da fermosa aventura de darlle outra vez vida ao “Novo Rumbo”, ás madeiras que forman a cuberta, a ponte, a proa, a popa, as amuras, a quilla... para que volva sucar o Mandeo.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: