CRTVG

Buscar

Especial

Eu quero troula III

15/09/2021 23:10 h

"Eu quero...", un espazo no que a alegría e as ansias de pasalo ben estarán sempre en primeiro termo, fará un percorrido polos mellores produtos e polas festas máis salientables destas datas. O mércores pola noite, e para pechar a tempada, ofrecemos "Eu quero troula III", un programa especial no que as festas destes últimos días de verán chegarán aos fogares de todos os espectadores .

Deste xeito "Eu quero troula III" propón unha intensa viaxe cargada de música, boa comida, cancións, bailes e sorrisos. As reporteiras do programa Adela Bértolo, María Rial, e Laura Vaqueiro serán as encargadas de facer este percorrido tan "trouleiro". Para comezar estarán na romaría da Virxe da Barca, no concello de Muxía. Alí compartirán as tradicións da pedra de abalar e da pedra dos cadrís, e tamén participarán nunha emotiva procesión.

A continuación as reporteiras viaxarán a Ferrol onde por fin poden celebrar de novo a festa das Pepitas. As rondallas saen ás rúas para cantar, bailar e gozar do sabor dos "bicos", o doce típico deste día de troula. As cámaras do programa deste mércores á noite tamén estarán nas festas do Carme de Fisterra. A música da Banda de Cee acompañará un día de intensas emocións e de troula a fartar. O percorrido de "Eu quero troula III" fará parada nas Festa das Peras de Pontedeume, onde poderemos gozar da música de "Tanxugueiras" e da orquestra Marbella.

E incluso haberá tempo para probar unha deliciosa e contundente costrada. A romaría dos Milagres de Amil, en Moraña, será outro dos puntos de atención trouleira do programa. Ademais de vivir de preto a devoción de centos de peregrinos. tamén comeremos polbo e bailaremos ao son da Banda de Música Nova Lira.

A famosa Guadalupe de Rianxo, chea de música tradicional e a canción da Rianxeira por todas partes, e as festas de Santa María de Guillán, en Vilagarcía de Arousa, completarán o menú de "Eu quero troula III" Para rematar como é debido a tempada dun espazo cheo de cor e sorrisos infinitos, "Eu quero troula III" ofrecerá a actuación do grupo tradicional "Algarabía Folk" de Vigo.

Atopar capítulo por: